O grupo municipal da Marea de Vigo criticou a actitude do Goberno local na súa “teima” por “matar” todos os servizos municipais orientados á mocidade así como polas “descualificacións inxustificadas” ao movemento veciñal.
Segundo o voceiro da formación, Rubén Pérez, “estas actuacións só amosan que este Goberno local non escoita á cidadanía, nunha actitude absolutamente antidemocrática que xa se excede do sistemático ninguneo que se lle fai á oposición”.
O partido fai referencia, entre outras cousas, ao espazo Vigosónico, que polo de agora non vai ter actividade, e “mesmo deixará de existir” de non mudar a decisión de Abel Caballero. “O destino desta instalación, de seguir na mesma senda, será o mesmo que moitos programas e servizos orientados á mocidade, como foi o caso dos servizos na Casa da Xuventude, o Punto Xove ou o xa esquecido Súbete ao Castro”, sinala Pérez.
A decisión do Goberno local é a de non volver a licitar o servizo de apertura destas instalacións públicas, nas que ducias de grupos locais tiñan o seu espazo de ensaio. “É impresentable utilizar a escusa da Covid-19 cando ademais podería terse adaptado á situación sanitaria con medidas de seguridade, ao igual que o fan escolas de música ou espazos onde se desenvolven actividades de similares características”, incide o voceiro.
O movemento veciñal tamén está a padecer os “arbítreos” dun Goberno local que “non escoita, cun alcalde que pensa que o seu criterio persoal está por enriba do criterio de moitos e moitas veciñas”, apunta Rubén Pérez, tras escoitar as descualificacións por parte do rexedor local á asociación vecinal de Teis por “ter osado”, dun xeito legal e ao amparo da lei de bases de réxime local, a facer chegar as súas propostas ao Concello sobre o uso dos remanentes, que será aprobado a semana que vén.
“Non entendemos as descualificacións por parte do alcalde. Non pode ser que a resposta dun alcalde sexa que non teñen concelleiros e que se dirixirá a eles cando os teñan. O movemento veciñal é plural e independente, ademais dunha das moitas asociacións que se dirixen ao Concello tal e como sempre aconteceu”, remata Marea de Vigo, que cualifica esta actitude como unha “práctica habitual de Abel Caballero”, ninguneando todos os requirimentos, peticións ou propostas, “xa non da oposición, senón de toda a cidadanía organizada, tal e como acaba de acontecer co caso de Teis”.