O grupo municipal da Marea de Vigo denunciou este luns que o servizo da zona azul da cidade segue a incorrer en “graves incumprimentos”. Segundo explican, a empresa concesionaria, Dornier, non puxo en marcha unha serie de prestacións ás que deberían ter acceso as persoas usuarias porque así o recolle o contrato asinado co Concello. Entre elas atópase a posibilidade de pagar coa tarxeta Pass Vigo. “Nada se sabe do obrigado cumprimento que figura no prego de condicións de habilitar a tarxeta cidadá Pass Vigo, nin a de pre-pagamento nin a de residente”, lembra o voceiro da formación, Rubén Pérez.
Marea de Vigo critica tamén, como fixera no seu día mediante escrito á mesa de contratación, que “seguen sen instalarse os nove postes eléctricos de recarga de vehículos que figuraban na oferta e que tiñan que colocarse no primeiro ano de servizo, cando xa pasan dous anos da concesión actual”. Igualmente, o partido esixe unha auditoría técnica das máquinas expendedoras que mesmo foran no seu día instaladas na vía pública sen os USB de carga de móbiles que se ofertaba como mellora por parte de Dornier. Marea de Vigo lamenta que o Concello non reclame o cumprimento da peritaxe que se realizou ás máquinas expendedoras, xa que “os modelos existentes funcionaban de xeito irregular, con problemas recorrentes nos botóns, fallos nos mecanismos de venda por tarxeta e podendo responder soamente ao 31% de aforro que a empresa ofertou no prego para os gastos de explotación”.
Igualmente, Marea de Vigo resalta que a sentenza coñecida recentemente, a pesar de non anular a adxudicación, “deixa claro que os incumprimentos dos pregos poden chegar a resolver o contrato público, cuestión que debería estar sendo xa analizada polo Concello ao resultar pertinente tal resolución ante os obvios e graves incumprimentos por parte da concesionaria”.
Rubén Pérez, que este luns mantivo unha reunión co comité de empresa de Dornier, recalca que o propio cadro de persoal confirma os incumprimentos. O voceiro da formación considera “especialmente grave” o que acontece coa cláusula 46, punto 7, que di “claramente” que as reducións permanentes superiores ao 10% das prazas da XER serán compensadas unicamente coa ampliación dun número equivalente de prazas da XER noutras rúas da cidade. É dicir, que pasar de 2.132 prazas a aproximadamente as 1.700 actuais, esencialmente polas humanizacións, tiña que supoñer máis prazas de zona azul na cidade e non apostar pola opción do aparcadoiro privado subterráneo.
Alén dos incumprimentos nos pregos, Marea de Vigo denuncia “graves” irregularidades en materia laboral. “O prego obriga a ter permanentemente operativas 15 rutas con 18 persoas controladoras e actualmente non se cubre nin a metade do licitado”, detalla Rubén Pérez. «Ademais de non cubrirse baixas por IT, descansos ou vacacións”, engade. Todo isto ocorre, segundo a formación, mentres o Concello e a empresa “confabulan e cooperan”.