Carmela Silva destacou que “a ver cando se da conta o Partido Popular de que as mulleres somos o 52% da poboación, somos máis da metade da poboación e non pode ser que cando se faga unha campaña para loitar contra as violencias machistas, que este ano van 50 mulleres asasinadas, se nos cosifique”. Ao respecto, Silva fixo fincapé en que “non se trata de marketing, non se pode loitar contra as violencias que padecemos as mulleres cosificándonos, isto é un gravísimo error, trátase de concienciar e de impulsar os valores da igualdade para erradicar esta lacra social”.
Tamén aproveitou a presidenta provincial para pedir ás administracións competentes unha maior implicación na loita contra as violencias machistas. “A min o que me preocupa –afirmou Silva – é que fai tres días asasinaron a unha muller en Elda, de 28 anos, diante do seu fillo, e onte un pai degolou a unha meniña de dous anos para facerlle dano á súa nai. ¿Que están a facer as administracións competentes? ¿Onde están os recursos para que haxa unha protección policial e xudicial adecuada? ¿Onde están as axudas para que as mulleres poidan recuperar a súa independencia, a súa autonomía e construír a súa vida cos recursos suficiente? ¿Onde están os proxectos para que a igualdade sexa un eixo central na educación?”.
Por tal motivo, a presidenta da Deputación de Pontevedra instou ao Goberno de España e á Xunta de Galicia a que “dediquen os recursos económicos e o fagan xa, porque é incomprensible que unha sociedade avanzada e demócrata non poña enriba da mesa todos os recursos para rematar con esta terrible situación que padecemos polo mero feito de ser mulleres”.
Silva rematou pedindo rigor á Xunta de Galicia cando se poña a facer campañas para a loita contra as violencias machistas. Así, a presidenta provincial comparou o cartel do goberno autonómico, no que as mulleres teñen un papel de obxectos, coa campaña da Deputación de Pontevedra “Mulleres en acción. Violencia Zero”. Ao respecto, Silva destacou que “a nosa campaña é unha campaña pola igualdade real das mulleres e pola loita contra todas as violencias machistas, é unha campaña que se desenvolve ao longo de todo un ano, con 25 mulleres artistas que percorren a provincia de Pontevedra desenvolvendo accións que teñen por obxectivo concienciar, formar, denunciar, para que toda a sociedade se una contra esta terrible lacra social que está a ocasionar 50 asasinatos de mulleres no que levamos de 2017”.