O alcalde, Abel Caballero, participou este venres no acto simbólico de inicio dos traballos de humanización de Gregorio Espino, que na súa cuarta fase afectará ao tramo comprendido entre as rúas Águia e Merlo, algo máis de douscentos metros de avenida. O orzamento da mesma ascende aos 1,6 millóns e está previsto que as obras duren uns dez meses.
En rolda de prensa posterior, Caballero explicou os detalles do proxecto, que recolle a mellora da mediana e manter os dous carrís de circulación por sentido, ampliar as beirarrúas -que serán de granito- ata os seis metros de ancho e renovar completamente as instalacións de iluminación, que pasarán a ser LED. O Concello cambiará tamén as canalizacións de abastecemento de agua, pluviais e saneamento, instalará unha nova rede de rego e de semáforos, bancos e papeleiras. No tramo de actuación manteranse os trece árbores existentes e se plantarán outros nove exemplares e catro máis en xardineiras, ata un total de vinte seis unidades.
Nas fases executadas de Gregorio Espino, o Concello leva xa adicados máis de catro millóns de euros, segundo os datos ofrecidos este venres polo alcalde. Caballero asegurou que o goberno que preside completará a humanización da avenida nunha fase seguinte, chegando ata a estación de autobuses.
Investimentos
Gregorio Espino é unha das ducias de obras que o Concello ten en marcha neste momento. Os investimentos neste ano totalizan 84 millóns de euros e acadan os 137 millóns se se lle engaden os incorporados ao orzamento municipal para 2022. Para Caballero, “é parte do noso plan de emprego”, xa que estas obras xeran “miles e miles de postos de traballo”.
Entre elas, o alcalde citou os case 17 millóns da Porta do Sol, os máis de 3,2 millóns do pavillón de Quirós, 3,3 millóns na Estrada do Porto, 11,8 millóns no túnel de Lepanto e accesos á estación de Urzáiz e os máis de 16 millóns da nova bancada de Marcador, no estadio municipal de Balaídos. Tamén humanizacións como a de García Barbón, Hispanidade, Taboada Leal ou Troncoso, o novo paseo de Bouzas, biondas de protección para motoristas e a cobertura do patio do CEIP Balaídos foron destacadas por Caballero.
Mais o alcalde fixo especial fincapé na atención ao rural, con obras nas rúas Sarabio, Camiño Noiana, Penís de Abaixo, Aguadiña, Areeiro, Vista do Mar, Coutadas, Abade Juan de Bastos, Subida a Relfas, Fragosiño, Eifonso, Costa da Gándara, Pouleira, Foxos, Camiño Quinta, Camiño Pinal, Camiño Simona, Viña Grande, Camiño da Pomba, Cidáns, Estrada da Venda, Estrada José Rivas, Camiño da Pomba, rúa Subride, Estrada do Freixo, rúa dos Curros, rúa das Fontáns ou o Camiño do Laranxo, entre outras.