O PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra puxo este venres en marcha a maquinaria do 4º Congreso Provincial, ao que David Regades Fernández chega convertido no primeiro secretario xeral que repite mandato dende que existe o mecanismo orgánico das Primarias. Desta volta non foi necesaria votación previa á cita congresual ao chegarse a un acordo de integración entre toda a militancia.
O Congreso, que reúne a unhas 500 persoas entre delegados e invitados, celebrouse no Pazo de Congresos Mar de Vigo. Foi definido por Regades como “unha festa do socialismo na provincia máis socialista de Galicia” e como a celebración da “unidade férrea dun partido aglutinado en torno a ideas de loita contra a inxustiza social e de transformación da sociedade cunha axenda de progreso”. Regades, que repetiu en varias ocasións do seu discurso de apertura a súa obsesión por “sumar, sumar e sumar” definiu ao PSdeG-PSOE desta provincia como un partido onde non sobra ninguén e facemos falta todos”.
O secretario xeral, que asumiu o reto de continuar catro anos máis á fronte do partido como “unha débeda de gratitude coa militancia”, afirmou que os socialistas son os artífices dun proxecto social sólido con que concorrerán ás próximas Eleccións Municipais de 2023 e engadiu que está “moi orgulloso” de poder presentarse “co aval da xestión dos mellores alcaldes e alcaldesas, que son os socialistas”.
Así aplaudiu o traballo dos 22 rexedores “que están mans á obra, loitando polo benestar da súa veciñanza fronte a unha Xunta cacique que nega os investimentos que necesita a sociedade, unha paralíse global que deteriora tanto a sanidade pública como os servizos sociais do noso país”. Lembrou que o PSdeG gañou “por goleada” as anteriores Municipais, alcanzando case 200.000 votos e volverá facelo en 2023. Ademais, aproveitou a circunstancia da celebración da cita congresual en Vigo para eloxiar o traballo de Abel Caballero, “o alcalde de alcaldes, o máis votado das grandes cidades de España, o home que puxo a Vigo na vangarda da axenda urbana”.
“Un partido que se arremanga, que non queda nas utopías”
David Regades destacou que no PSOE “somos un partido de goberno, que aspira a transformar a sociedade e levar a cabo a súa visión do mundo, que se arremanga e non queda nas utopías”. “Por iso”, engadiu, “concorremos sempre ás Eleccións para gañar”. Definiu, ademais, os congresos como os momentos para a reflexión e o debate entre compañeiros unidos por lazos de fraternidade e ideoloxía.
Tivo, ademais, palabras para o cambio na Deputación, que en 2015 “deixou de ser a sala de máquinas do Partido Popular para converterse na sala de máquinas da provincia, un concello de concellos por primeira vez dende a transición democrática en España; unha institución moderna, cun modelo claro de provincia e con políticas innovadoras”. “Unha Deputación”, concluíu, “feminista e que é unha referencia en toda España e iso é gracias a Carmela Silva e ao Partido Socialista”.
O discurso do secretario xeral destacou que a pandemia sacou «a peor cara dos gobernos que traballan de costas á xente, como a Xunta de Galicia, mentres os concellos que son os gobernos máis próximos, quedaron completamente sós e, ademais de non recibir un só euro, viron como a Xunta aproveitaba a ocasión para desembarazarse, unha vez máis, das súas obrigas e competencias e seguir danando servizos públicos esenciais, como a sanidade, a educación e a atención aos nosos maiores”.
Os agradecementos aos compañeiros que compartiron a Executiva provincial nestes últimos catro anos, especialmente aos integrantes da Dirección Provincial, así como a toda a militancia, por ter contribuído ao clima de diálogo que deu paso á candidatura de unidade que chegou a este 4º Congreso, completaron a intervención de David Regades. “Saímos con máis velocidade deste Congreso, soubemos poñer en valor obxectivos comúns e, unha vez máis, a provincia de Pontevedra deu exemplo”.