O alumnado do CEIP Balaídos de Vigo xa pode gozar do seu recreo e das actividades escolares nos días de chuvia grazas á nova cuberta do patio que o centro estreou nas últimas semanas e que enche de cor este colexio. A presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde Abel Caballero, inauguraron oficialmente este xoves a obra, na que participou parte da comunidade escolar. O proxecto foi froito dun convenio entre ambas administracións e supuxo un investimento de preto de 360.000 euros.
Carmela Silva subliñou a importancia de que os centros de educación pública conten “cos mellores equipamentos”. “Coa educación construímos futuro, construímos sociedade e por iso teñen que ter as mellores instalacións –apuntou-. E hoxe, este centro as ten e prodúceme unha gran alegría que a Deputación teña participado para que este colexio sexa un referente”. Destacou o deseño e a nova imaxe do patio “que me recorda ao proxecto ‘Vigo, cidade de cor’ para encher de cor e de vida a cidade”. “Con el enchemos de cor a vida das mestras e mestres, de todas as nenas e nenos, de xeito que amais poida haber espazos na cidade onde a choiva non impida saír para xogar e pasar os tempos dos recreos”. A presidenta lembrou que pasou parte da súa formación neste colexio e a unha das súas referentes en pedagoxía de Matemáticas, a súa profesora Marisé.
Pola súa banda, o alcalde, Abel Caballero, cualificou ante a rapazada do centro a nova instalación como “o mellor patio do mundo e o mellor colexio do mundo”. “Nós entendemos que temos que apoiar a educación pública de xeito moi importante –sinalou-. E atopabámonos con este colexio que carecía dun patio cuberto onde as nenas e nenos puideran facer os seus recreos nos días de choiva. E agora ter descuberto esta placa e ver estas cores vermella, verde e azul, e a arquitectura do pavillón, que son as ondas de Vigo, é un honor. Se alguén quere ao mar no planeta é a cidade de Vigo”.
Caballero tamén informou este xoves da aprobación na Xunta de Goberno Local do proxecto básico e de execución da cuberta do CEIP Javier Sensat por un importe de 366.000 euros. Amais, o Concello está desenvolvendo os proxectos de cubrición dos patios dos centros Villalaura e Frián Teis cun orzamento previsto de 350.000 euros cada un. “O que queremos é que profesoras e profesores, alumas e alumnos, esteades na mellor situación posible”, engadiu.
No acto, a directora do centro, Laura Álvarez, acompañada pola xefa de estudos, Inmaculada Tapias, agradeceu o investimento “que nos permite ter un patio máis activo para as nenas e os nenos, que antes non podían saír cando chovía e agora podemos desfrutar do aire libre a pesar do tempo”. “No noso centro –apuntou- gozamos duns patios dinámicos cheos de xogos e así podemos aproveitalos a diario”.
O proxecto
A actuación no CEIP Balaídos consistiu na cubrición da pista máis próxima á entrada do centro para dotar ao alumnado dun espazo de lecer axeitado e facilitar tamén o uso social fóra das horas lectivas.
A cuberta está soportada por columnas de formigón armado e rematada por perfís con chapas metálicas de tipo sándwich. Todo o conxunto conta cunha moderna iluminación, e acometéronse a rede de recollida de augas pluviais e reposición de pavimentos, así como a dotación do mobiliario.