A Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo puxeron en marcha este venres a reforma da estrada provincial PO-2001, no tramo de 2,4 quilómetros comprendido entre o regato de Quintián e a rúa Ramiro Pascual, no lugar de Porto (Beade). O acto institucional, que consistiu no soterramento dunha ‘urna do tempo’ e que estivo presidido pola presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde, Abel Caballero, deu comezo a uns traballos que se prolongarán durante 18 meses e suporán un investimento total de 3.457.000 euros.
A actuación, definida por Carmela Silva como a máis importante das que a Deputación está a realizar, finánciase no marco dun convenio no que a entidade provincial achega o 70% (2.419.900 euros) mentres que ao Concello correspóndelle o 30% restante (1.037.100 euros). A estrada quedará convertida parcialmente nunha moderna rúa de alta calidade residencial e que será traspasada ao Concello de Vigo.
O proxecto divide os 2,4 quilómetros da actuación en dúas zonas ben diferenciadas polas súas características actuais. A primeira, situada entre Ramiro Pascual e o número 77 da vía ten 12 metros de ancho e beirarrúas. O segundo sector está actualmente sen urbanizar, ten unha traza moi sinuosa e de escasa visibilidade. Conta, ademais, cun ancho variable de só 7 metros sen espazo peonil algún, polo que implica un serio perigo para os viandantes.
Unha vez rematadas as obras, todo o ámbito disporá dun ancho mínimo de 12 metros, que chegará ata os 16 metros na zona central da actuación ao paso polo núcleo de Quintián. Disporá, ademais, de rúas a ámbolos dous lados, un pavimento renovado e tamén nova rede iluminación pública, así como de novos servizos soterrados de abastecemento de auga, rede separativa de saneamento, de rego e hidrantes de emerxencias. Os espazos peonís estarán complementados por zonas verdes máis amplas, con moderno mobiliario urbano, varios pasos de peóns e funcionais paradas de autobuses. Ademais, executaranse os necesarios de contención de terras e novos peches das fincas laterais.
As autoridades, incluídos deputados provinciais, concelleiros e dirixentes veciñais, participaron no soterramento da urna no emprazamento preparado ao pé do cartel de obra. No interior depositáronse exemplares do día dos xornais, incluídos os dixitais, así como unha memoria USB co proxecto técnico, moedas de curso legal e, finalmente, un acta de comezo das obras, asinada por tódolos presentes.
Medio século de espera
“Estamos facendo un cambio radical en tódalas infraestruturas provinciais e esta hai que poñela moi en valor”, destacou a presidenta da Deputación na súa intervención. Carmela Silva explicou que trátase dunha obra moi custosa “nun lugar que estivo abandonado durante 50 anos”. Lembrou que a veciñanza levaba décadas reclamando seguridade viaria e que houbera rúas para que os peóns puideran ocupar o espazo público. “E neste tempo”, denunciou, “só atoparon silencio” por parte da Administración titular da estrada. “Durante 50 anos a Deputación de Pontevedra nunca tivo na súa mente facer esta obra e cando nós comezamos a gobernar foi a primeira que pediu o alcalde de Vigo, quen consideraba intolerable que esta vía provincial estivera na situación na que estaba”.
Silva tivo palabras de agradecemento para a presidenta da asociación de veciños, Fina Barreiro, e o seu vocal Gonzalo Martínez, que xogaron un papel moi activo dialogando coa veciñanza e acadando a cesión dos terreos necesarios. “Foi moi complexo e foron persoas imprescindibles para conseguir que se fixera esta obra, e así, dentro de 18 meses, non vai haber quen recoñeza este entorno”. A maiores, adiantou que a Deputación xa está a traballar nun proxecto conxunto para a totalidade do trazado da estrada e anunciou o seu desenvolvemento neste mandato.
Pola súa banda, Abel Caballero recalcou que o de hoxe é “un día de ledicia para Vigo”. “As cidades fanse atendendo todo o territorio; estamos facendo un Vigo novo e nese Vigo novo queremos que todos os lugares se incorporen ao avance e ao progreso”. “Esta estrada de Porto”, continuou, “demandaba dunha forma extraordinariamente importante a súa humanización”.
Caballero remontouse á súa primeira etapa na Alcaldía, hai 13 anos, para lembrar que sempre obtivo unha “negativa absoluta da Deputación” a esta obra. “Nunca tomaron en serio a importancia desta estrada, o que significa como vehículo de crecemento, de desafogo e de comunicación”. O alcalde defendeu que a veciñanza que reside ás beiras da estrada de Porto ten “exactamente os mesmos dereitos” que a que habita en rúas como Rosalía de Castro ou García Barbón. “Por iso, tan pronto como cambiou a presidencia da Deputación, de forma conxunta asumimos a humanización e toda a reforma dunha obra certamente significativa en termos económicos”.
O primeiro edil da cidade agradeceu a Carmela Silva a súa disposición para abordar este tema “como tantos outros” e sumouse ás felicitacións á asociación de veciños “polo seu esforzo permanente”. De feito, detívose especialmente neste punto para engadir: “Sei que houbo desconfianzas, problemas… e que algúns, que sempre son os mesmos, dicían: “é mentira e non o van a facer”, pensaban que nós eramos iguais, pero non o somos”. Como remate tivo un recoñecemento expreso para David Regades, exconcelleiro, exdeputado e actual delegado da Zona Franca, quen tamén participou de xeito moi activo na xestión dun “convenio complexo”.