Docentes de Uganda e Tanzania participan esta semana na Universidade de Vigo nun curso de formación organizado ao abeiro do proxecto internacional BHE Ahumain, Applied human machine intelligence in east Africa, unha iniciativa de cooperación educativa que ten como obxectivo impulsar a intelixencia artificial e a ciencia de datos no leste de África creando un plan de estudos que permita formar as enxeñeiras e enxeñeiros do futuro.
A formación arrancou este luns no edificio Redeiras, onde foron recibidos pola vicerreitora de Investigación e Transferencia Belén Rubio; a directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación, Eva Garea, e os tres responsables deste proxecto na UVigo: a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz, e os docentes Ana Fernández Vilas e Manuel Fernández Veiga, todos eles investigadores do Departamento de Enxeñaría Telemática e do centro atlanTTic.
Formando aos formadores
A Universidade de Vigo é unha das 31 participantes nesta iniciativa internacional na que se reúnen universidades e empresas de España, Bélxica, Chipre, Tanzania, Uganda e Kenia.
Levan traballando arredor de ano e medio e, nesta ocasión, chegan a Vigo tras unha semana de formación en Bélxica e previamente a viaxar a Chipre o vindeiro mes de setembro. “Nesta semana poderemos centrarnos en aspectos concretos que non se abordan polo xeral noutro tipo de formacións, como os da ética e o uso responsable da IA, por exemplo, e facer énfase na presentación de ferramentas avanzadas, boas prácticas e aplicacións a industria”, explica o profesor Manuel Fernández Veiga, coordinador do equipo da UVigo neste proxecto.
O curso, que se prolongará ao longo de toda a semana, céntranse en diferentes temáticas relacionadas coa Intelixencia Artificial (IA) e Machine Learning (ML) e, máis concretamente, en técnicas e ferramentas para aprendizaxe distribuído, o despregue automático de aplicacións e a inclusión e garantía dos aspectos éticos nos diferentes usos e ferramentas da IA.
“Haberá un día de seminarios para cada un destes temas”, salienta o coordinador do curso, ao que engade que no tempo que leva en marcha o proxecto avanzouse significativamente no desenvolvemento de material docente, tanto teórico como práctico, para 15 cursos sobre IA e ML que conforman a oferta formativa que despois se impartirá en distintas sedes en Tanzania e Uganda por parte dos profesores que agora están de visita na UVigo.
“Valoramos estas actividades de formación de formadores de maneira moi positiva; na nosa experiencia contar cun grupo reducido de persoas que logo trasladan os coñecementos e boas prácticas á súa contorna e as adaptan ás súas necesidades e intereses é o mellor xeito de diseminar de forma eficaz as novas tecnoloxías, moito máis que ofrecer unha formación masiva e xenérica”, subliña o docente.
O último paso será o de axudar no despregue dos cursos alí
Posto en marcha a comezos de 2023, o proxecto Ahumain busca lograr que as empresas máis grandes de África adopten a IA para os seus procesos comerciais e para iso é preciso crear un “ecosistema de IA que reduza os seus costes de desenvolvemento, axude a crear aplicacións de IA adaptadas ás necesidades locais e que reduzan a súa dependencia de empresas estranxeiras”.
Para facelo posible, os socios deste proxecto traballan no deseño dun plan de estudos con diferentes especializacións e adaptado á situación de África oriental que conduza a unha nova xeración de enxeñeiras e enxeñeiros.
Ao mesmo tempo, tamén se traballa en aplicacións da vida real de IA, implementación operativa e casos de negocios, para rachar coa teoría e dar paso a aplicacións prácticas.
O proxecto está a media execución, por diante queda culminar o desenvolvemento do material para todos os cursos, previsiblemente antes de finais de ano, e, co material xa creado, pasar á fase de ‘master class’ na que varios dos docentes europeos visitarán Uganda e Tanzania para impartir alí unha mostra de parte destes cursos e testar así si resultan apropiados e se están ben calibrados para cada unha das universidades participantes.
“O último paso será o de axudar no despregue e implantación destes cursos nas universidades e centros de ensinanza técnica do leste de África, así como garantir a continuidade e permanencia no tempo dos resultados acadados”, recalca o docente da UVigo.