A docente e investigadora da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais, María Asunción Lorenzo Rial e o docente e investigador do Departamento de Matemática Aplicada I, Javier Martínez Torres, son os representantes da UVigo na relación de docentes nominados aos VI Premios Educa Abanca. Mejor Docente de España 2022.
Xunto a Lorenzo e Martínez outros 42 docentes e investigadores de universidades públicas e privadas de España concorren ao galardón na categoría de Universidade, á que se suman as de mellores docentes de Educación Infantil, Primaria, Secundaria/Bacharelato, Formación Profesional e Educación non formal.
Nesta edición dos premios recibíronse 1.306 propostas procedentes do alumnado e familiares do alumnado, no caso de Infantil e Primaria, procedentes de toda a xeografía española. Logo de coñecerse o listado do docentes nominados, no que aparecen María Asunción Lorenzo Rial e Javier Martínez Torres, o 30 de outubro publicarase o listado dos 10 finalistas en cada categoría e o 15 de novembro as puntuacións obtidas por cada quen, acadando o título de Mejor Docente de España 2022 quen acade a maior puntuación. No ano 2020, o docente Millán Brea, profesor do Grao de Educación Social da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense fora nominado aos galardóns, mentres que en 2017, o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Jorge Soto convertérase nun dos dez finalistas na categoría de universidades.
Nados en 2016, da man dun grupo de docentes de diferentes etapas educativas, co obxectivo de que o alumnado premie ao profesorado que destaque pola súa boa praxe, os Premios Educa Abanca están organizados pola plataforma Educa.