O Bloque Nacionalista Galego considera que o Centro Vialia afectará ao pequeno comercio da cidade e nega que, tal e como afirmou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a próxima apertura do centro comercial na nova estación beneficiará ao pequeno comercio. «É unha tomadura de pelo e broma de mal gusto», asegura Xabier Igrexas. A fronte nacionalista insiste en denunciar que a cidade está saturada de grandes centros comerciais e demanda unha moratoria de dez anos na apertura de novas áreas. Desde o Bloque critican a falla de apoio por parte da Xunta de Galiza e o Concello de Vigo ao sector comercial.
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, considera «inaceptábeis» as declaracións de Caballero. «O alcalde, como economista, coñece perfectamente que o efecto da instalación de grandes centros comerciais o que provoca é precisamente a desertización do tecido comercial endóxeno. Non é algo novo e está máis que acreditado empíricamente. A máis áreas comerciais, menos pequeno comercio», retrucou.
Igrexas subliña que o pequeno e mediano comercio vertebra os barrios, dinamiza economicamente o conxunto da cidade e xera emprego estábel, fronte ao modelo de precariedade e especulación que envolve os grandes centros comerciais promovidos por grandes corporacións transnacionais.
O portavoz municipal nacionalista denuncia que a cidade xa está «saturada» de grandes áreas e demanda unha moratoria de dez anos na autorización para a apertura de novos centros comerciais en Vigo. «Abonda con dar un paseo polos centros comerciais que xa existen en Vigo para ver a realidade de locais baleiros e sen actividade. O único que provocará Vialia será concentrar o consumo nese centro comercial, en prexuízo directo doutras zonas comerciais como Príncipe ou O Calvario», explicou.
Desde a fronte nacionalista critican a falla de medidas de apoio efectivo e real ao tecido comercial por parte da Xunta de Galiza e o Concello de Vigo. Neste sentido, a deputada e portavoz de Comercio do Bloque no Parlamento galego, a viguesa Carmela González, denunciou a «total insuficiencia» das liñas de axuda «raquíticas» despregadas pola Xunta e afeou que o Concello de Vigo sexa o único das sete cidades galegas que non puxo en marcha ningún programa de axudas directas ao sector.
González explicou que a situación do sector é límite e que preto dun 20% do comercio galego xa tivo que botar o feche. «En Vigo hoxe temos 1.250 locais comerciais baleiros, co letreiro de alúgase na porta e sen actividade. A situación irá a peor se as administracións non actúan para axudar o sector», advirte.
Para a deputada nacionalista a proliferación de grandes áreas comerciais, como o novo centro Vialia, supoñen unha «verdadeira ameaza» para a subsistencia do pequeno comercio, que se torna inda máis grave neste contexto de crise. «É moi difícil de crer o relato de Caballero de que quen vaia comprar a Vialia vai ir consumir a unha pequena tenda en Travesas ou Teis. É cínico dicir que a súa apertura vai beneficiar o comercio local porque a realidade vai ser a contraria», reprochou.