A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, informou este sábado de que eliminou un punto de vertido de augas residuais á ría na contorna da praia do Fortiñón, no concello de Vigo.
Segundo explica a Xunta nun comunicado, esta achega foi identificada no marco das inspeccións de rastrexo de puntos de vertido inventariados previamente polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, dando seguimento a unha notificación da Consellería de Sanidade dunha posible incidencia na praia e a denuncia de vertido comunicada por un particular ao servizo de Emerxencias do 112.
As inspeccións e mostraxes efectuadas polo persoal da Xunta na zona identificaron a orixe do vertido nunha incidencia na impulsión da estación de bombeo de augas residuais municipais que discorre pola contorna da praia do Fortiñón.
O persoal da Xunta comprobou que o persoal da empresa concesionaria do servizo municipal de augas traballaba na reparación da infraestrutura hidráulica, procedendo o Concello a efectuar tamén as actuacións pertinentes para prohibir o baño durante a realización das obras de reparación.
Nas inspeccións de seguimento na zona, os técnicos da Xunta verificaron que as actuación realizadas pola empresa concesionaria no sistema de impulsión da estación de bombeo permitiron a emenda do vertido en condicións inadecuadas cara á ría de Vigo.