A Xunta de Galicia informou este domingo de que eliminou un punto de vertido de augas residuais urbanas cara ao río Eifonso, no concello de Vigo.
As actuacións iniciáronse no transcurso da inspección levada a cabo por parte dos técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependentes de Augas de Galicia, tras a notificación desde o Servizo de Emerxencias do 112 dun vertido que afectaba ao río.
Os técnicos da Xunta desprazados á zona verificaron a existencia dunha achega cara o curso fluvial que orixinaba unha notable afección visual na masa de auga do río.
Froito desta inspección, o persoal da Xunta localizou a orixe da afección denunciada nunha zona de obras na parroquia de Zamáns, no lugar de Marcosende, nas que as augas xeradas durante os movementos de terra se vertían sen depuración previa, mediante un equipo de impulsión, cara a unha canle de auga natural que desemboca no río.
Augas de Galicia notificoulle a situación á empresa executora das obras para que adoptasen as medidas axeitadas para a emenda do foco. Mentres non se levaron a cabo as actuacións, desde a empresa pararon os traballos para evitar máis vertidos.
Nunha nova inspección xirada á zona con posterioridade, os técnicos da Xunta constataron que a empresa instalou elementos filtrantes na zona de obras para evitar novos arrastres de áridos, emendando así o vertido en condicións inadecuadas cara ao dominio público hidráulico.