O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este martes que o Goberno galego poñerá en marcha no primeiro semestre de 2020 un proxecto de barrio creativo no ámbito do Casco Vello Alto de Vigo e unha sede do Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) para a exposición e a creación artística. Dúas medidas, dixo, que formarán parte dun paquete de iniciativas para impulsar a cultura na cidade.
Durante o acto de entrega dos Premios da Cultura Galega 2019, Feijóo precisou que Vigo contará cunha serie de locais, propiedade do Consorcio do Casco Vello e cedidos á Xunta, para poñer en marcha unha proposta de espazos para iniciativas no eido das industrias creativas e o turismo cultural. Ademais dunha sede do CGAC que funcionará como espazo de exposición e creación artística que permitirá a difusión de artistas locais, que contarán cun espazo para a promoción da súa actividade.
O titular do Goberno galego garantiu que os investimentos culturais da Xunta en Vigo continuarán con varias infraestruturas como a biblioteca pública Juan Compañel; co apoio a programacións culturais como o convenio co Museo Marco ou a tempada sinfónica e o Outono Lírico; ou a través da colaboración con asociacións e entidades culturais, como a asociación Galicia Fiddle, o Sinsalaudio ou os Amigos da Ópera de Vigo, entre outras moitas.
Así mesmo, destacou que grazas á oficialización e auxe do Camiño Portugués da Costa o número de peregrinos incrementouse nesta cidade. Non en van, en menos de 4 anos desde a súa oficialización esta ruta converteuse na terceira con maior afluencia –máis de 22.000 peregrinos-, só por detrás do Camiño Francés e do Camiño Portugués.
Homenaxe á Movida viguesa
Ao longo dos Premios, que este ano renden homenaxe á Movida viguesa, un movemento social, artístico e cultural que abriu as fiestras a aires máis renovadores naquela Galicia dos anos 80, Feijóo quixo trasladar os parabéns a todos os galardoados, dándolles as grazas por seguir enriquecendo e universalizando a nosa cultura. “Unha cultura sen sectarismos nin exclusións que reflicte fielmente a maneira de ser dos galegos: un pobo curioso e aberto que ve na cultura propia unha valiosa ponte para mostrar o noso ao mundo e para, ao mesmo tempo, aprender e inspirarnos do alleo”, dixo.
Deste xeito, o presidente da Xunta referiuse, primeiramente, ao proxecto Galego en Londres, desenvolvido por un grupo de alumnos de lingua e cultura galegas do Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, e que supón un gran pulo ao coñecemento da lingua e cultura da nosa terra no mundo. Así como a traxectoria de Amancio Prada, “outro exemplo de que a nosa terra carece de fronteiras”; de Alonso Montero, “unha figura esencial das nosas letras e na Galicia contemporánea”; e da escultora Soledad Penalta, avantaxada discípula de Isaac Díaz Pardo.
Feijóo puxo en valor tamén o proxecto 21 días co galego, da profesora de lingua e literatura galega do IES da Pobra do Caramiñal, Pilar Ponte Patiño, cuxo obxectivo é animar aos mozos do instituto a expresarse en galego durante tres semanas, actuando así a prol do idioma nun tramo de idade vital para o futuro da lingua.
No acto, o responsable do Executivo galego invitou a todos a ver O sabor das margaridas, non só por ser a primeira serie integramente en galego, incluída no catálogo de Netflix, senón tamén pola súa interesante trama, pola súa estética e pola beleza das paraxes naturais onde se ambienta.
Logo de salientar a restauración do Pórtico da Gloria e, con el, a recuperación do sorriso máis fermoso do Románico: o sorriso de Daniel, como un dos fitos máis importantes con respecto á nosa cultura e ao noso patrimonio, Feijóo tivo tamén palabras de recoñecemento para o traballo de Monicreques de Kukas, a compañía profesional de teatro de obxectos máis antiga de Galicia e cuxas obras presentan un carácter didáctico e social e, ademais, contribúen á normalización do galego coa difusión nesta lingua dun fascinante universo creativo particular.
“Grazas a todos por ser ilustres viaxeiros do extenso e variado camiño que presenta a cultura galega”, concluíu o presidente da Xunta, incidindo en que todos os premiados representan “o mellor espírito de Galicia”.