O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou este martes, na rolda de prensa do Consello, a contratación por 7,3 millóns de euros da nova ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) en 5.000 metros cadrados.
Tras oito meses de espera, ata dispoñer de todos os informes sectoriais da Administración xeral do Estado, Feijóo lembrou que o pasado 18 de decembro o Concello certificou a dispoñibilidade dos terreos, “e hoxe a Xunta licita a nova ampliación”, dixo.
Cómpre salientar que, en total, incluíndo servizos complementarios, a Administración autonómica investirá máis de 7,6 millóns de euros.
O presidente do Goberno galego, recordou que esta ampliación sumarase á que se realizou en 2018, cun investimento de 4 millóns de euros. “En definitiva, desde que chegamos ao Goberno, levamos investidos no Ifevi case 16 millóns de euros en sucesivas ampliacións”, concluíu, destacando importancia deste complexo para a celebración de eventos de referencia internacional como Conxemar, Navalia ou Mindtech.