Segundo informou a CIG, a convocatoria de folga, que foi formalizada este venres pola CIG, CCOO e CGT -os tres sindicatos con representación en Acciona Facility Services- farase afectiva a partir das sete da mañá do mércores 16. O paro afectará aos 155 traballadores que desenvolven o seu labor nos hospitais Álvaro Cunqueiro, Rebullón, Nicolás Peña e Xeral-Cíes e no ambulatorio da Doblada, aínda que a gran maioría deles están adscritos ao novo hospital.
Os motivos do paro teñen que ver coa falta de persoal, coa escaseza de material e cos incumprimentos en materia laboral por parte da empresa, o que estaría a afectar tanto aos propios traballadores como a usuarios e pacientes. Segundo a estimacións dos sindicatos, o conflito resolveríase coa contratación de entre 25 e 30 persoas.
Dende as centrais sosteñen que incluso se deixaron quirófanos sen abrir por falta de limpeza. O máis grave é o que sucede no Álvaro Cunqueiro -centro no que desenvolven o seu labor a maioría dos traballadores/as do servizo-, que ten practicamente o mesmo número de empregados/as da limpeza que tiña o hospital Xeral, cando ten catro veces máis superficie (55.000 metros cadrados fronte a 192.000).
Os incumprimentos en materia laboral e de convenio é outra das cuestión que motivaron a convocatoria, xa que a empresa segue a aplicarlles aos empregados eventuais o convenio provincial de Limpeza de Edificios e Locais en lugar do de equiparación. Esta irregularidade foi posta e coñecemento da Inspección de Traballo, que instou a adaptar os contratos, cousa que Acciona aínda non fixo.
Ao mesmo tempo, a representación dos traballadores cursou hai 10 días unha petición de xuntanza co xerente da EOXI de Vigo, sen obter resposta até o de agora. E iso que os afectados levan tres semanas realizando concentracións de protesta no interior do novo hospital en horario de mañá e tarde, mobilizacións que continuaron este venres.
Dende a representación da CIG no comité de empresa sinalaron que os problemas no servizo de limpeza son constantes. “Temos dificultades, por exemplo, para o mero feito de sacar o lixo do edificio, xa que a concesionaria só deixa que se faga a certas horas e por unha porta que está a escasos metros da porta da cociña”.
A escaseza de contedores tamén provoca incidencias; “no Xeral tiñamos arredor de 100 e aquí unicamente unha ducia, e reciclados”. Como tamén son recicladas as xaboneiras, que tivemos que ir por elas ao Xeral”, indican.