O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu este mércores a Feijóo, na véspera de que entre en vigor a rebaixa “histórica” da AP-9, que tamén “tome medidas” para rebaixar as peaxes das autoestradas de titularidade autonómica e que contribúa a incrementar as bonificacións aplicadas polo goberno presidido por Pedro Sánchez na AP-9. “Se Feijóo di que hai que abaratar os custes das peaxes”, lembrou Caballero, “el pode facelo”, xa que “ten competencias e orzamentos”.
Nesta liña, o líder socialista recordou que mentres a Xunta dedica 600.000 euros ao ano en bonificacións nas súas autoestradas, o goberno progresista vai achegar 100 veces máis para a AP-9. É dicir, “por cada euro que pon Feijóo, o goberno de Pedro Sánchez vai poñer pon cen”. Por iso, Gonzalo Caballero considera “ridículo” que Feijóo fale agora de rebaixas nas peaxes da AP-9. Máxime, afondou, “cando el non conseguiu que se fixese ningunha rebaixa substancial cando gobernaban Rajoy e Aznar, cando non se opuxo a aumentar a concesión da AP-9 ata o ano 2048 ou cando non tivo política de bonificacións nas autoestradas galegas”.
Nesa liña, incidiu en que “se Feijóo quere ter credibilidade, o que ten é que facer rebaixas nas autoestradas da Xunta e axudar a un maior abaratamento na AP-9”. En calquera caso, reclamoulle “que se poña detrás do goberno de España e que aplauda a rebaixa histórica das peaxes da AP-9”, que “leva o selo dos socialistas galegos e na que estivemos traballando dende o primeiro momento”. Aludiu así o responsable do PSdeG a que a primeira xuntanza que mantivo cun ministro dende a investidura de Pedro Sánchez foi con José Luis Ábalos, daquela responsable de Transportes e Movilidad, para abordar a rebaixa das peaxes da AP-9.
Traballo «fundamental» dos socialistas galegos
En paralelo, Gonzalo Caballero agradeceu aos parlamentarios e senadores galegos do PSdeG o seu traballo e o seu compromiso con esta “rebaixa histórica das peaxes da AP-9”. Así, reivindicou que “o voto e o traballo dun parlamentario socialista galego foi máis importante para a rebaixa que toda a acción conxunta que mantiveron PP e BNG”. “O voso traballo foi fundamental”, remarcou o líder socialista nun xuntanza en Santiago cos e coas representantes do PSdeG nas Cortes Xerais.
Nun momento no que “todo o mundo se coloca detrás desta medida”, Caballero puxo en valor que “o voso voto foi o voto útil para rebaixar as peaxes da AP-9 e valeu moito máis que toda a acción conxunta de todos os deputados do PP e BNG, que se opuxeron aos orzamentos e, polo tanto, a que esta rebaixa histórica das peaxes chegase aos galegos e galegas”.
“Xa lles gustaría a PP e BNG ter deputados como os do PSdeG, que puxeron a rebaixa por riba de todo mentres eles votaban en contra e se opoñían a esta rebaixa”. Unha medida, remarcou Caballero, que era “a nosa bandeira e o meu compromiso persoal”.
Leiceaga: «Revolución da mobilidade»
Pola súa banda, o senador Xoaquín Fernández Leiceaga, presidente do PSdeG, lembrou que as rebaixas das peaxes da AP-9, xunto con outras medidas como a chegada do AVE, van facer que este sexa o ano da “revolución da mobilidade en Galicia”. “Só co paso do tempo”, apuntou, “nos daremos conta deste cambio tan substancial”.
Ademais, Fernández Leiceaga salientou que, coa rebaixa das peaxes, “Galicia está moito mellor articulada e cohesionada internamente”. Ao tempo, a medida tamén permitirá “retirar vehículos das estradas alternativas á AP-9 e incrementar o tráfico da autoestrada”, polo que “se verá menos tráfico nesas vías alternativas e se incrementará a seguridade na circulación”.
Meijón: «Gran traballo»
Do mesmo xeito, o deputado Guillermo Meijón expresou a súa “gran alegría” pola consecución desta rebaixa das peaxes na AP-9. De feito, sinalou que en setembro se “inicia o camiño duns novos orzamentos”, que xa terán una partida establecida ata o ano 2048 para as bonificacións das peaxes grazas ao “gran traballo feito para conseguir que esta rebaixa fose unha realidade”.
Xunto co acto de hoxe, o PSdeG levará a cabo diferentes accións nas redes para recordar o traballo feito ata a consecución da rebaixa das peaxes que entrarán en vigor mañá. Nun primeiro vídeo, amósase como o secretario xeral liderou a reivindicación desta rebaixa de peaxes, dende a primeira xuntanza con Ábalos o 25 de xuño de 2018 -menos dun mes despois da investidura de Pedro Sánchez- ata a defensa desta medida de aforro no Congreso dos Deputados e a posterior aprobación por parte do Consello de Ministros.