O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe á Xunta que “tome medidas reais” para rebaixar a peaxe das autoestradas galegas de xeito “substancial”, máis alá de “retoques puntuais” sen apenas incidencia nos usuarios e usuarias.
“Feijóo ten que tomarse en serio a baixada do prezo das autoestradas AG-55 e AG-57”, remarcou o líder do PSdeG, consciente da importancia da mobilidade para as familias e tamén para as empresas, en termos de competitividade. “Non basta con que a Xunta destine calderilla a rebaixas que son só marketing sen incidencia real”, subliñou.
Fronte a iso, Gonzalo Caballero requiriu a Feijóo que tome medidas “de calado” para reducir os custes da autoestrada de Carballo á Coruña e a do Val Miñor, así como que planifique a liberalización das súas peaxes nun momento no que conta cos maiores orzamentos da historia de Galicia.
Na semana na que entrou en vigor “a rebaixa histórica” das peaxes da AP-9, o máximo dirixente do PSdeG subliñou que “o goberno de España dedica 100 veces máis fondos que a Xunta” a abaratar a circulación dos galegos e das galegas.
Ademais, ante as queixas de Feijóo por unha rebaixa que chega a 15 millóns de usuarios e usuarias ao ano, Gonzalo Caballero recordou a Feijóo que o goberno galego “tamén pode contribuír” para afondar nesa redución de custos da AP-9.