A ODS-Coia e a parroquia do Cristo da Vitoria habilitarán a partir deste mércores 3 de xuño un punto de información e apoio sobre o Ingreso Mínimo Vital. Todas aquelas persoas interesadas en coñecer máis sobre esta nova medida -que poderá solicitarse a partires do 15 de xuño- poden acudir aos locais da parroquia, na rúa Baiona 9, en Coia, os luns de 10:00 a 12:00 e os mércores de 17:00 a 19:00 horas.
Alén de resolver dúbidas e dar apoio en todo o relacionado co IMV, a ODS continuará coa información alternativa sobre axudas sociais como a RISGA, as axudas sociais do concello, a lei de dependencia, etc.
Con este espazo preténdese tamén visualizar e denunciar o empobrecemento e, sobre todo, artellar respostas colectivas e desde abaixo fronte a inxustiza e a desigualdade sistémicas que tantas persoas sofren acotío.
O 1 de xuño foi publicado no BOE o Decreto Lei que pon en marcha o Ingreso Mínimo Vital (IMV). Trátase dunha prestación non contributiva da Seguridade Social que ten por obxecto garantir uns mínimos recursos ás persoas que carezan deles.