O Bloque Nacionalista Galego asegurou este venres que o Goberno de Abel Caballero mentiu sobre as cartas de interese remitidas a promotoras para a contratación de concertos. Así o confirmou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, tras examinar a documentación solicitada polas evidencias de irregularidades co patrocinio publicitario da actuación de Guns N’ Roses.
Igrexas acusou o Goberno municipal de mentir «de maneira flagrante e deliberada» cando manifestou, por voz do voceiro socialista Carlos López Font, que o documento enviado á promotora de Guns N’ Roses era similar ao do resto de concertos. «Pero nada ten a ver o contido destas cartas, que eran respostas a propostas ou orzamentos previamente remitidos para a contratación directa, co acordo previo coa banda estadounidense», censurou.
Nese sentido, o portavoz do BNG desvelou que o Concello enviou un total de 21 cartas de interese (sen contar a de Guns N’ Roses) dende xaneiro de 2022, das cales 20 corresponden a concertos do ano pasado e só unha deste curso para a actuación de David Guetta. «Todas as cartas responden a un mesmo modelo de texto xenérico, onde se trasladaba a disposición do Concello de contratar e na que se demandaba que se achegara algunha documentación para acreditar a exclusividade na representación das e dos artistas», explicou.
Uns documentos que, a xuízo das nacionalistas, non se corresponden coa carta de interese remitida en outubro de 2022 á promotora de Guns N’ Roses de maneira «absolutamente opaca», sen incorporar aos expediente municipais e contrariando o criterio da propia Asesoría Xurídica do Concello, para comprometer case 2 millóns de euros de diñeiro público como achega económica.
«É claro que o portavoz do Goberno municipal, actuando como emisario de Abel Caballero, mentiu reiterada e descaradamente as viguesas e vigueses cando dixo primeiro que a carta de Guns N’ Roses era xenérica, despois que non contiña compromisos concretos, e por último que era unha carta tipo parecida a outras moitas enviadas para a programación das festas», denunciou o portavoz do BNG.
Por estes motivos, dende a fronte nacionalista esixiron máis unha vez que o alcalde dea a cara sobre este asunto como máximo responsábel do Goberno municipal. «Abel Caballero ten que deixar de esconderse e darlle dunha vez explicacións as viguesas e vigueses, a principiar polos motivos para manter no cargo como voceiro a alguén que mentiu deliberadamente á cidade, a non ser que mentise por instrución súa «, remachou Igrexas.