O alcalde, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participaron este martes na inauguración do segundo tramo humanizado de Hispanidade, entre as rúas Zamora e Pintor Colmeiro. Caballero explicou que os traballos realizados ao longo de 160 metros da rúa e incluíron a renovación de 2,1 quilómetros de redes de servizos, 250 metros de pluviais, 240 metros de saneamento, 400 metros de abastecemento, unha nova rede de rega e 1,2 quilómetros de rede de iluminación.
Tamén sinalou que transplantouse o arboredo actual por outro “máis acorde” coas características da contorna urbana, plantáronse 13 novas árbores, pasos de peóns accesibles, 50 metros de xardineiras, papeleiras e creáronse zonas de estancia e zonas de aparcamento quedando dous carrís de circulación. As luminarias fernandinas foron substituídas repintándose os báculos existentes e reforzouse a iluminación en pasos de peóns.
Carmela Silva destacou o investimento do ente provincial nesta obra que contribúe a construción dunha “cidade amable, con beirarrúas anchas, unha das cidades galegas que máis apostan pola recuperación do espazo público para as persoas”.
O alcalde destacou que a humanización está feita “nun nivel extraordinario con zonas pensadas para a xente” e avanzou que o goberno municipal continuará coa terceira fase no tramo de rúa que queda pendente e que “conectará co conxunto dos ascensores” que permitirán “conectar co mar” a través da Hispanidade.