As directivas e os xogadores do Club Deportivo Teis e do Club Deportivo A Guía, que comparten o reformado recinto municipal, participaron este martes no acto formal de inauguración, encabezado por Abel Caballero e Carmela Silva como máximos representantes do Concello de Vigo e da Deputación de Pontevedra, as institucións que sufragaron a mellora. Acompañados por concelleiros e deputados provinciais, alcalde e presidenta descubriron unha placa conmemorativa e fixeron o saque de honra sobre o verde.
En declaracións na visita, o alcalde louvou o resultado da obra, un “gran terreo de xogo” que é “motivo de xúbilo de todas e todos”. Logo de facer o céspede e as instalacións de luz e auga quente, o alcalde avanzou a seguinte etapa na remodelación: “Temos que afrontar agora a bancada e os vestiarios, e farémolo”. Caballero subliñou que “o deporte xa é unha cultura en Vigo, é máis que tempo de ocio ou forma física”, polo que asegurou que “imos dedicarlle máis recursos ao deporte”, despois de ter duplicado no anterior mandato a asignación aos clubs de base.
Pola súa banda, a presidenta da Deputación definiu o deporte como “actividade imprescindible para a formación das nenas e dos nenos” e “para practicalo, hai que ter instalacións en condicións”, por iso amosouse satisfeita da decisión tomada entre ambas institucións de remodelar os firmes dos campos de fútbol da cidade: “Fixemos un gran esforzo, era un dereito das nenas e dos nenos”. Silva felicitou ás directivas e xogadores dos dous “clubs históricos” que alí compiten e agradeceu o esforzo de pais e nais para facer posible que a práctica deportiva dos pequenos e pequenas.
A obra na Guía forma parte do convenio rubricado entre o Concello e a Deputación para mellorar unha decena de campos de fútbol da cidade cun investimento total de case tres millóns de euros. Ademais, ao longo dos anos pasados, o goberno de Vigo acometeu a remodelación de todos os recintos municipais, a falta do de Santa Mariña, en Cabral, que cuxo proxecto está en redacción.