A Corporación Municipal despediu este venres a Isaura Abelairas, nova deputada no Parlamento de Galicia, nunha sesión extraordinaria do Pleno Municipal celebrada para comunicar a súa renuncia á acta de concelleira. Mestra e directora do C.E.I.P. Emilia Pardo Bazán de Vigo desde 1993 ata 2007, Abelairas foi concelleira de Limpeza e Festas no Concello de Vigo de 1999 a 2003, deputada provincial desde 2007 e concelleira de Vías e Obras e de Política Social.
Durante a sesión, Abel Caballero desexoulle a quen foi edil en tódolos seus gobernos “éxitos na nova etapa política” que inicia como deputada no Parlamento Galego pola provincia de Pontevedra. O seu posto na Corporación Municipal será ocupado polo avogado Pablo Estévez.
As concelleiras e concelleiros dos grupos municipais recoñeceron o labor desenvolvido por Isaura nos anos dedicados á cidade, o seu compromiso social e o afán na defensa do público. A nova deputada autonómica agradeceulle ao alcalde que contase con ela como concelleira de Vigo, aos compañeiros de Corporación e ao persoal municipal o seu traballo e instou ao Pleno a “facer política porque aquí é onde se resolven os problemas da cidadanía”.