Kame, Academia de cómic, é un deses locais que non pasan desapercibidos cando se percorre a cidade. “Somos como unha atracción aquí na zona vella”, destaca María Vilar, impulsora e profesora xunto con Iago Araújo deste orixinal proxecto que abriu a súas portas en Abeleira Menéndez en abril deste ano.
Alí imparten clase de debuxo de cómic a persoas de todas as idades –tanto mozos coma mozas- desde os 5 anos que ten a máis nova ata os 51 da máis vella. “Moitos veñen por ocio pero tamén moitos queren dedicarse a isto profesionalmente”, explica Iago Araújo.
É o caso de Anxo Rivas, de 18 anos, que leva xa catro anos na academia e está decidido a dedicarse profesionalmente á ilustración. Rivas subliña, ademais da aprendizaxe acadada en Kame, o bo ambiente e a posibilidade de compartir tempo con persoas cos mesmos gustos. “É moi relaxante e agradable vir aquí e estar con xente que pensa coma ti”, explica. Aínda que ao comezo Anxo estaba centrado no universo manga e nas figuras humanas, cada vez anímase máis cos fondos e as paisaxe e tamén experimenta co xénero do ‘cartoon’. “Na academia danche moitos trucos e avanzas moito. Ademais, fixen moitos amigos e os profesores son moi amables”, asegura Anxo, que no vindeiro curso estudará Gráfica publicitaria na escola de deseño Aula D de Vigo.
Actualmente pódense atopar cómics de todos os temas, tanto para adultos como para nenos, e pode resultar un medio moi eficaz de captación á lectura. Hai tempo que o universo das historias ilustradas deixou de ser para ‘frikis’. “Nos últimos anos o mundo do cómic pasou de ser algo de frikis a algo para cultos”, asegura María Vilar.
María e Iago sitúan a explosión do cómic no ano 2000 en España, pola cantidade e a variedade de publicacións que chegaron traducidas, ademais de moitas tamén de autores locais.
Desde 2010
A historia de Kame remóntase trece anos atrás. Daquela os dous debuxantes profesionais montaron o seu negocio na rúa Urzaiz de Vigo respondendo á demanda dun grupo de rapaces que querían seguir formándose no debuxo de cómic e non tiñan onde.
“En 2010, cando nós empezamos, en Vigo non había nada de nada nesde eido”, explica María Vilar, que desde 2008 imparte clases de debuxo de cómic na Biblioteca Juan Compañel de Vigo.
Desde o comezo pensou en compartir este proxecto con Iago Araújo, con quen xa tiña coincidido noutros traballos e lanzáronse a crear unha academia de cómic, á que chamaron Kame. Segundo explica María, o nome da academia ten a súa orixe no gusto que os dous autores teñen por ‘Dragon Ball’, onde a Kame house era a casa onde Son Goku ía aprender co mestre Mutenroi. Iago Araújo fíxose debuxante porque namorou do número 1 do cómic de Son Goku e María adoraba a serie en televisión e quedou abraiada cando descubriu no colexio que tamén había cómics. “É o noso nexo de unión e a nosa chiscadela a Dragon Ball”, destaca María.
O propio significado da palabra kame, tartaruga en xaponés, está ben acaído como nome da academia posto que refire a filosofía da aprendizaxe do debuxo: débese ir moi amodiño asentando os conceptos e as habilidades. Non se pode aprender a debuxar ás présas. “O misterio para aprender a debuxar é meterlle horas. Dá igual a escola á que vaias, se non traballas na casa non hai nada que facer”, asegura María Vilar.
A base do cómic é o debuxo e o bo disto é que cun caderno, un lapis e unha goma xa podes comezar a practicar e dedicarlle todas as horas que son necesarias en calquera parte e case en calquera momento.
Os títulos imprescindibles
A nivel de vendas os títulos que están triunfando nas librarías no xénero cómic abranguen historias como ‘Kimetsu no Yaiba’ (‘Gardiáns da Noite’), ‘Naruto’ ou ‘Boku no Hero’.
Porén, Iago e María propoñen uns títulos imprescindibles para achegarse ás novelas ilustradas. É o caso de, ‘Nausicaa del valle del viento’ (Hayao Miyazaki), ‘Blacksad’ (Juan Díaz Canales e Juanjo Guarnido), ou ‘Maus’ (Art Spiegelman), único cómic gañador dun premio Pulitzer. Ademais, acaba de saír ‘Por culpa de una flor’ da autora española María Medem, que está tendo moi boas críticas.
A nivel local os profesores recomendan ‘A batalla de Rande’ (de David Braña con Pablo Prado) e ‘Passer P. Malta’, de Andrés Magán. E pensando nos máis pequenos apuntan a ‘Problemas gatunos’ (Mason Dickerson), o clásico de Jeff Smith, ‘Bone’, e a popular ‘Hilda’, de Luke Pearson.