“Un exitazo”. Así definiu hoxe a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a presenza do destino Pontevedra Provincia na Feira Eexpovacaciones de Bilbao, certame co que a institucion provincial reiniciaba, tras Fitur, a promoción da campaña “Love Rías Baixas”. Carmela Silva, que liderou a delegación provincial no Exhibition Center da capital vasca, mostrou a súa “enorme satisfacción” ante a masiva afluencia de público ao stand de Rías Baixas, que chegou a rexistrar colas para achegarse ao punto de información e polo que este domingo tiñan pasado xa 20.637 persoas para interesarse pola oferta turística da provincia de Pontevedra.
“Foi sorprendente, inesperado non porque sabemos que no País Vasco hai un enorme interese polo noso destino, pero aínda así fomos un dos stand con maior presenza de visitantes que non deixaron de achegarse a Love Rías Baixas”. “Volvemos a casa moi contentas, dixo a presidenta, porque isto significa que seguimos no bo camiño e que a nosa provincia continúa a liderar os principais destinos do Estado”.
De feito, no encontro que mantivo con Carmela Silva, o propio Director da na feira “Expovacaciones”, Jose Antonio Prado, foi testemuña directa da masiva presenza de visitantes e confirmou que “o interese por Rías Baixas sempre ten sido moi grande en Euskadi” e que a grande afluencia desta fin de semana ao stand da Deputación confirmaba unha vez máis ao público vasco como un dos principais emisores de turistas cara á provincia.
As familias e grupos tiveron incluso que agardar para fotografarse no punto selfie que tiña o stand da Deputación con fermosas imaxes de termalismo, enoturismo, natureza, e paisaxe de Rías Baixas. A presidenta lembrou que precisamente o turismo activo, de ocio e familiar, nos que se centraba esta feira, son elementos centrais do noso Plan Estratéxico de Turismo. Estamos a facer ben as cousas”.
Coa campaña “Love Rías Baixas en “Expovacaciones”, a Deputación tamén presentou produtos turísticos como os Castelos de Soutomaior e Sobroso, ambos os dous musealizados con novas tecnoloxías, que espertaron moito interese. Amais, o persoal de Turismo Rías Baixas mantivo contacto con turoperadores para poñer en valor á provincia e establecer vínculos para que sexa promocionada noutros lugares do Estado, e tamén con outras comunidades autónomas e destinos que están a promover experiencias similares para establecer relacións cara á presentación de proxectos conxuntos aos fondos Next Generation.
Con este inicio do calendario feiral estatal e a súa exitosa presenza en Bilbao, a Deputación ten previsto seguir a participar naqueles certames turísticos que sexan mercados prioritarios do destino Rías Baixas. Do mesmo xeito, xa se están perfilando os dous novos workshop que, en colaboración co sector turístico da provincia, volverán a celebrarse neste 2022 noutros dous puntos do Estado, despois de ter pasado estes últimos anos por Barcelona, Madrid e Valencia.