Os grupos da oposición, Marea de Vigo e BNG criticaron o derroche do Concello nas luces do Nadal e coincidiron en reclamar ao goberno local máis axudas para os comerciantes e hosteleiros agora.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, criticou que o goberno local e a Xunta sigan sen atender as demandas do pequeno e mediano comercio e volveu a urxir a posta en marcha dunha estratexia local de promoción económica e do emprego que evite que sigan fechando negocios na cidade.
Igrexas tamén quixo valorar a decisión de iniciar a 19 de agosto a instalación do alumeado de nadal na cidade, afirmando que «nun contexto tan duro, cos graves efectos que estamos a vivir a nivel económico, laboral e comercial, non parece que o mais sensato e responsábel sexa dedicarse a inaugurar o nadal en pleno verán».
«O problema real é que se non se toman decisións urxentes e non se poñen medidas e recursos, se cadra as luces de nadal o que van alumear son moitos comercios pechados e moitos empregos destruídos», advertiu.
O edil criticou que o goberno local continúe sen atender as demandas e reivindicacións que de maneira insistente lle teñen trasladado as diferentes asociacións de comerciantes. «O comercio de Vigo leva meses a emitir un SOS, porque ademais dos moitos negocios que xa botaron o feche hai inda moitos mais que viven baixo a ameaza de non poder volver erguer a persiana. É intolerábel que a única resposta do Concello de Vigo sexan boas palabras. O comercio de Vigo necesita solucións, non que lle pasen a man polo lombo», explicou, lembrando que a única medida adoptada polo Concello até o momento foi gastar 300 mil euros nunha oficina para asesorar o sector das axudas que ofrecen outras administracións.
A este respeito, Igrexas lamentou que o goberno municipal leve desde o pasado 15 de abril sen tomar en consideración a proposta do BNG de poñer en marcha na cidade una estratexia local de promoción económica e do emprego, que permita blindar o tecido comercial «que crea riqueza e emprego estábel, que vertebra a cidade e que dinamiza os nosos barrios e parroquias». Entre as medidas que promoven inclúen axudas directas aos establecementos, a creación dunha liña de microcréditos municipais sen xuros e unha rebaixa fiscal nos impostos e taxas municipais. Tamén demandan que se convoque con urxencia a Mesa Local do Comercio para que o goberno escoite a todo o sector e acorde con el as medidas a adoptar para promover o consumo no comercio local.
O edil criticou que non se teña concertado a día de hoxe o plan de recuperación prometido polo alcalde. «O único que temos é a promesa de 1.000 millóns de euros, que parece un anuncio da lotaría de nadal, pero sen ningunha concreción de onde van saír eses cartos e o que é mais importante, a que quere destinalos o Goberno municipal», reprochou.
Pérez Igrexas compareceu ao remate dun encontro coa directiva da Asociación de Comerciantes de Torrecedeira, Camelias e Pi i Margall xunto coa deputada e portavoz de comercio no Parlamento galego, a viguesa Carmela González, quen anunciou que no inicio de curso político o BNG volverá esixir «un compromiso real, con medidas concretas e recursos, da Xunta co pequeno e mediano comercio».
A deputada nacionalista denunciou que «para alén de anuncios e propaganda, o sector segue a precisar de axudas de verdade»,
Nese sentido, lembrou que o BNG leva meses a reclamar unha actuación decidida por parte do Goberno galego en auxilio dun sector económico da máxima importancia, con medidas como axudas directas para persoas autónomas, reverter a liberalización do sector no que atinxe a descontos e rebaixas e horarios comerciais, e aplicar unha moratoria na apertura de novas grandes áreas comerciais. «O pequeno e mediano comercio é vital para a economía do noso País e non pode seguir a ser ignorado e desatendido pola Xunta», enfatizou.
Marea de Vigo pide sensatez
Pola súa banda, tamén Marea de Vigo pediu ao alcalde «sensatez e contención no gasto relacionado coa campaña de Nadal «ante as necesidades dos sectores comercial e hostaleiro, acuciantes agora e non en decembro».
Nunha nota, o grupo municipal relatou que no 2019 só a partida de decoración e animación no Nadal, que estaba orzamentada en 465.000 pasou finalmente a 839.673, «nunha delirante falla de control público do que realmente precisaba nas rúas o comercio local – apunta Rubén Pérez – , que tivo no mes de decembro e xaneiro unha campaña de ventas desastrosa». «As luces – prosigue – incrementaron o contrato anual en máis de 100.000 euros dos 800.000 euros previstos e este ano a prevision pode quedar superada».
Marea de Vigo considera que gastando exactamente o que figura no orzamento para programas de Nadal e luces aforraríase unha cantidade superior ao medio millón de euros, «que deberían empregarse de xeito inmediato en políticas activas de axuda ao comercio e hostelaría local, nunha realidade na que a situación na cidade agrávase por momentos sen que exista resposta activa do Concello» lamenta o voceiro municipal.
«É cando menos temerario fiar todo a unha campaña no mes de decembro que está a expensas da situación sanitaria que podemos vivir, das restricións de acceso de persoas a espazos fácilmente masificables e especialmente da situación económica dos potenciais visitantes da nosa cidade» explica Perez. Especialmente o turismo con pernoctacións, «xa que o excursionismo de autobús que o alcalde leva alentando anos para o Nadal vigués, salvo na hostalería do centro da cidade non é o modelo turístico a alentar para que teña retorno económico na cidade» resaltou Pérez.
Por tanto, Marea de Vigo segue a demandar o cumprimento das «axudas millonarias» do goberno local ao comercio de hostalería da cidade que está en situación dramática, axudas que deberían ir na líña que concellos como Barcelona, Valencia, Lugo etc.. habilitaron para os autónomos e pequeño comercio, tanto liñas de axudas como avais financeiros con soporte público, que permitan tanto o mantemento e creación de emprego no sector coma o pago do alugueiro de locais comerciais, naves, etc, así como a cobertura de gastos comúns como seguros, electricidade, auga, teléfono e internet.