Máis que Auga Navia acollerá os días 2 e 3 de outubro (de 10.00 a 14.00 horas) un seminario de defensa persoal feminina gratuíto, que ten como obxectivo ofrecer ás mulleres un instrumento para reaccionar de forma automática ante unha situación violenta.
Esta actividade, promovida pola Federación Española de Loita dentro do programa Muller e Deporte do Ministerio de Cultura e Deporte, está a realizarse por todo o territorio español e nesta ocasión chega a Vigo e en concreto a Máis que Auga. A quen vai dirixida? Pois a toda muller, dá igual a súa idade ou condición física, tal e como mostran os feitos.
Jonathan Martínez, representante da defensa persoal feminina en Galicia e organizador do evento, conta que “como exemplo, tivemos connosco a Natalia, de 71 anos, e a unha moza que pesaba 108 quilogramos, e ambas participaron de forma activa”. Tamén asistiron mulleres que no seu día foron agredidas e esta iniciativa serviulles para superalo e moitas delas anímanse a continuar como monitoras en posteriores eventos.
Este programa comezou en Madrid hai xa 12 anos, primeiro como unha iniciativa dunha asociación, e aos poucos foi crecendo e chegando a diferentes puntos do Estado español, agora co apoio do Ministerio de Cultura e Deporte. Como hai que apuntarse? So hai que reservar praza no teléfono 610 570 222, deixando os datos persoais, e así ata cubrir o aforo. Para acudir á formación, é preciso roupa cómoda e ganas de aprender e compartir momentos con outras mulleres.
Neste programa trabállase tomando como base situacións reais para ofrecer ás mulleres instrumentos para ter automatismos para defenderse nunha situación de violencia. Pero despois da actividade hai que seguir. Jonathan Martínez insiste en que “no seminario ensinamos os exercicios, pero para que poidas reaccionar de forma automática é necesario que a partir de aí continúes practicando e dedicándolle horas”.