O Bloque Nacionalista Galego demandou esta mañá en Vigo avances na recuperación da memoria democrática e antifascista da cidade. A fronte nacionalista fixo un chamamento a defender con firmeza as liberdades democráticas fronte a ofensiva de forzas da «dereita reaccionaria e ultraespañolista». Así o afirmou o portavoz municipal do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, na súa intervención no acto de presentación do manifesto «Vigo, cidade antifascista» promovido polo colectivo social Vigo Antifascista, e do que é asinante canda decenas de activistas, intelectuais e representantes de diversas organizacións e movementos sociais.
No acto, decorrido ás 12 da mañá ao pé da cruz franquista do Castro, e que contou coa lectura dun poema polo escritor Xose María A. Cáccamo e a intervención do portavoz de Vigo Antifascista, Xavier Moreda, Igrexas salientou a «importancia e necesidade» de iniciativas como o manifesto antifascista. «A memoria non é cousa do pasado, é soporte da nosa identidade. Somos porque fomos, e grazas a que lembramos o que outros foron», explicou.
O edil nacionalista reivindicou o contributo do nacionalismo galego á causa antifascista e á loita polas liberdades democráticas e a xustiza social. «Desde o galeguismo histórico até o nacionalismo galego contemporáneo, de Alexandre Bóveda a Moncho Reboiras, foron millares os e as patriotas galegas que loitaron fronte a ditadura, que padeceron a brutal represión, a clandestinidade ou o exilio. Elas e eles abriron o camiño do que non nos imos apear», acrecentou.
O portavoz municipal nacionalista advertiu de que, «infelizmente a loita antifascista sigue vixente» diante da ameaza que representa o avance de forzas «reaccionarias de dereita ultraespañolista». A este respeito, apuntou que, «malia que hoxe se presenten con formas e maneiras máis sutís, ou con discursos disfrazados, o novo fascismo mantén o seu carácter antisocial, antiobreiro e españolista, contrario a pluralidade e a diversidade e que pretende negar o dereito do pobo galego a sermos e existirmos como nación libre e soberana».
Cruz franquista
«Mal que lle pese a Abel Caballero esta cruz franquista do Castro, construída pola ditadura e inaugurada polo ditador na daquela chamada praza da División Azul, ten data de caducidade. É un monumento que ofende a memoria de quen loitou pola liberdade e contra o fascismo, e máis cedo que tarde será derrubada», defendeu Igrexas na súa intervencón. Desde o Bloque lembran que foron durante anos a única forza política da Corporación Municipal que esixiu a retirada da cruz e que se opuxo en 2014 a que o Goberno municipal de Caballero recorrese a sentenza que ordenaba o seu derrube.