Na véspera do Día das Letras Galegas, a Marea de Vigo reclamou a implicación do Concello para protexer a saúde da lingua galega. Afirma o grupo municipal que, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), Vigo é a cidade na que menos uso faise do galego e unicamente arredor do 15% de persoas utilizan de xeito habitual, mais non exclusivo, o galego. «As conclusións seguen sendo demoledoras e todos os estudos sinalan que o uso do galego será anecdótico para as vindeiras xeracións de vigueses e viguesas», apunta Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.
«Como xa reclamamos en novembro do 2020, sen obter resposta algunha, nin formal nin na práctica, é fundamental a implicación de todas as institucións, comezando polo Concello de Vigo, para protexer a vida da lingua galega na nosa cidade«, sinala a concelleira.
Para Marea de Vigo, e tal e como lle trasladou á Corporación local a modo de moción no pasado ano, é preciso que o Concello de Vigo aumente sensiblemente o orzamento do Servizo de Normalización Lingüística para mellorar o programa de medidas dirixidas a superar a extremadamente delicada situación da lingua galega na cidade». Oriana Méndez reclama que se cumpra a Ordenanza de Normalización Lingüística do Concello de Vigo «que, no seu artigo XI, establece que os cargos do Concello se expresarán normalmente en galego nos actos públicos celebrados en Galicia, sempre que a intervención sexa por razón do propio cargo; comezando polo alcalde».
Marea de Vigo reitera a súa petición para que o goberno local convoque o Consello Social da Lingua Galega de Vigo, como órgano que o Concello ten para o seu asesoramento, consulta e participación na política lingüística e, do mesmo xeito, inciden na reclamación, neste caso á Xunta de Galicia, a que «leve a cabo unha restitución do orzamento recortado durante os últimos dez anos, incrementando decididamente as partidas dirixidas á defensa e promoción da lingua galega».
«Por suposto, a derrogación do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia así como ao cumprimento do disposto no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega tamén son accións que debe levar a cabo o Goberno da Xunta», conclúe Oriana Méndez.