O grupo municipal da Marea de Vigo denunciou este mércores que o Concello está a desmantelar a Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) e sinalou que esta situación «non supón novidade algunha, xa que o desmantelamento da escola vén de varios anos atras, coincidindo co goberno de Abel Caballero». Segundo asegurou a concelleira Oriana Méndez, é unha «absoluta irresponsabilidae deixar caer a esta escola centenaria na que se teñen formado grandes artesáns de recoñecemento internacional, e que ademais conta cunha gran demanda de acceso».
Méndez lembra que xa no pasado curso do 2018-2019, a causa da «mala xestión en materia de recursos humanos» por parte do goberno local, as clases tivéronse que suspender en reiteradas ocasións pola falla de persoal tanto docente como administrativo. «Debido a esta mala xestión, o curso pasado xa non comezou de xeito ordinario, comezando as clases en xaneiro en lugar de setembro por non ter feito antes a selección do persoal», indicou.
A concelleira sinala que ante esta situación «o que nos atopamos agora é que na convocatoria para o curso que vén só se ofertan de novo acceso as prazas que quedaron vacantes do pasado curso; isto é, 59 prazas para o novo curso fronte as arredor de 300 que se ofertaban nos pasados cursos».
Marea de Vigo avoga por poñer á disposición da EMAO e habilitar espazos municipais para poder desenvolver clases para o vindeiro curso. «É vontade politica habilitar espazos para poder ofertar máis prazas ante a demanda por parte da cidadanía, favorecendo ademais que se seguise contratando máis profesorado nas diferentes disciplinas», apunta.
O grupo municipal da Marea tamén insta ao goberno local a «incrementar as partida orzamentaria adicada a EMAO, o seu funcionamento e a difusión da súa misión e actividades mediante modificación orzamentaria urxente para o exercicio do 2021».