O grupo municipal da Marea de Vigo quixo alertar este venres aos comercios da cidade de que a nova tarifa da auga que está a promover o Goberno local é “unha estafa” e implicará subas para os locais. Por iso, o voceiro da formación, Rubén Pérez, alentou ao colectivo a que “fagan os seus cálculos e, unha vez publicada a proposta de ordenanzas no BOP, presenten as súas alegacións”.
Pérez reuniuse con comerciantes das Travesas co fin de explicar detalladamente os cambios que vai supoñer o novo recibo da auga. No encontro, no que se fixeron varias simulacións da tarificación, Marea de Vigo trasladou ás e aos comerciantes a súa postura ao respecto, así como as emendas presentadas ao proxecto.
“O Goberno municipal está desprazando cara ao conxunto da cidadanía unha mala xestión da auga xusto no peor momento do comercio local, cando o que tiña que estar facendo é, alo menos para este ano 2021, unha adaptación das tarifas á situación económica, axudando deste xeito aos sectores económicos que empregan ao 65% das viguesas e vigueses”, explica Pérez.
“Estamos vendo é que en moitos casos, nomeadamente en pequenos negocios como perruquerías, lavanderías e incluso hostalería non só suben os custos fixos senón que a isto hai que sumarlle os novos conceptos (rede de sumidoiros, saneamento e depuración), o que vén supoñer unha penalización por un exceso de consumo de auga, cando a realidade é que estes altos consumos só se deben ás necesidades do propio establecemento”, engade.
O grupo municipal da Marea de Vigo rexistrou o pasado martes as súas emendas ás ordenanzas para o vindeiro ano, “que con toda seguridade serán ignoradas por parte do Goberno local na tónica xeral dos últimos anos”, lamentou Pérez.