O voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, denunciou este luns o que considera un empeoramento do servizo de transporte público desde a anunciada ampliación da concesión. «A ampliación do servizo é un erro que xa estamos a pagar todos os vigueses e viguesas cun servizo colapasado en horas punta, insuficiente para a conectividade das parroquias e cuxa mellora pasa polo incremento económico para a concesionaria. Era unha boa oportunidade para redeseñar o transporte urbano de Vigo, mais con esta ampliación podemos chegar a estar atados ata 35 anos máis», sinalou nun comunicado.
Así, a Marea de Vigo considera que «hai que anular inmediatamente a proposta de ampliación concesional e traballar na remunicipalización do servizo, na que se poida artellar un novo sistema de liñas». «A situación do transporte urbano de Vigo vai cronificándose día a día nun evidente deterioro dos servizos, frecuencias, e mesmo das condicións de explotación do servizo, que semellan ir en constante decadencia desde que se anunciou a ampliación da concesion durante cinco anos máis» sinala Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal.
«Se ben en novembro de 2019, data na que se aprobou un proxecto de regulamento do servizo de transporte urbano de viaxeiros como condición previa indispensable para concretar un novo contrato, o Grupo Municipal da Marea de Vigo entendeu que se concretaba por parte do Goberno local a necesidade de emendar un contrato feito fai 25 anos, o certo é que esta espectativa non se cumpríu». engade.
Rubén Pérez apunta que «o propio Abel Caballero argumentaba hai escasos meses que o contrato actual de transporte era inxusto e desfasado para a realidade actual da cidade, recoñecendo que o contrato tiña un cálculo de tarifas en base a unha fórmula polinómica desfasada». Sinala tamén concelleiro vigués que por exemplo o contrato obriga a computar como amortizables prácticamente todas as melloras no servizo, elevando a cifra de recursos pendendes de abonar á empresa ano tras ano (actualmente por enriba dos 16 millóns de euros), «e con cousas tan sorprendentes como que 25 anos despois sigamos a pagar os terrenos das cocheiras de San Andrés».
Indica que recoñecíase ademais que o sistema de liñas non daba cobertura ás novas necesidades da cidade «e mesmo no propio regulamento artellábase un feixe de modificacións que, aínda que escasas, alomenos colocaban ao transporte urbano de Vigo no século XXI» engade o voceiro. «Dende o anuncio de ampliación, constátase unha degradación do servizo – matiza Ruben Pérez -, comezando polas cuestións en materia laboral, nas que a empresa está incumprindo os acordos feitos co Comité, sumado ás carencias do servizo con respecto á prevención e as medidas hixiénicas e de desinfección derivadas da covid-19, denunciadas tamén polo propio comité nos últimos meses».
Esta ampliación «redunda nun servizo deficiente nas parroquias, nas conexións cos hospitais e na falla de reforzos en hora punta, xerando unha situación de perigosidade derivada da falla de reforzos, que cobra especial relevancia nun momento no que é vital evitar as aglomeracións». enfatiza o voceiro. «Imos seguir estudando como poder denunciar xurídicamente esta ampliación, sabendo ademais das discrepancias dadas na Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, ante a que se presentou un escrito denunciando a situación, producindo un informe contrario á ampliación» conclúe Rubén Pérez.