O grupo municipal da Marea de Vigo advertiu este luns de que “é ilegal” que un empregado dunha empresa privada poida “restrinxir, impedir ou coaccionar a ningún vigués ou viguesa para deambular polas rúas abertas ao uso público”. Deste xeito, a formación censura o plan do Concello de despregar a 23 persoas no centro da cidade para limitar o tráfico peonil durante o Nadal.
“Só un policía local ou policía nacional poderá exercer estas funcións”, sinala o voceiro local do partido, Rubén Pérez, quen cita que a Lei 4/2007, de 20 de abril, de coordinación de Policías Locais de Galicia. Por iso, esixe que as funcións de control de tránsito e acceso ás rúas durante o Nadal sexan exercidas “exclusivamente” polo corpo municipal.
Ademais, para Marea de Vigo as funcións que implican o exercicio de autoridade e a salvagarda de intereses xerais do Estado ou das administracións públicas deben ser forzosamente ser realizadas por persoal público que teña a consideración de funcionarias e funcionarios de carreira “tal e como figura no estatuto básico do Empregado Público e na propia Lei reguladora de Bases de Réxime Local”.
Por outra banda, a formación cualifica de “grave erro” organizar o Nadal entorno ao centro da cidade como unha “zona 0” á que poderían acceder 7.000 persoas á vez cada día. “É indispensable evitar masificacións como as que estamos a vivir estes días, cando ademais é discutible limitar o acceso e mobilidade a causa das decoracións de Nadal instaladas na vía pública. O que non é aceptable é furtar a obriga de que sexa a Policía Local a que asuma en exclusividade as funcións de control do tránsito e a mobilidade da cidadanía polas rúas”, incide o voceiro.
Marea de Vigo lembra que se ben as luces supoñen entre 800.000 ou 900.000 euros ao ano dependendo do exercicio, o gasto total de Nadal supera os dous millóns de euros en múltiples partidas que van dende a decoración ás campañas publicitarias e innumerables gastos menores. “O Goberno vigués tería que apostar por un Nadal austero nestas cuestións e unha actitude responsable, evitando o efecto chamada a encher o centro urbano”, matiza Pérez.
Deste xeito, o grupo municipal, será “belixerante” ante calquera idea “peregrina” de suplir funcións da policía local, amparándose na citada normativa vixente e na Lei Orgánica 2/1986, de 13 de marzo, de Forzas e Corpos de Seguridade.