O grupo municipal da Marea de Vigo vén de cuestionar o sistema de mantemento das obras feitas baixo o programa Vigo Vertical, financiadas pola Unión Europea, que acumulan avarías constantes, en especial os ascensores. Elevadores como o de Camelias acostuman a estar parados e o de Marqués de Valterra chegou a estar dous meses sen funcionar.
Neste último caso, o ascensor acaba de ser reparado tras a denuncia feita pola formación de esquerdas, que considera estes problemas continuados unha consecuencia das “políticas curtopracistas, caprichosas, electoralistas e improvisadas do Goberno de Abel Caballero no seu afán inaugurador, deixando, tras a pompa e o anuncio, obras con avarías constantes, ascensores que levan máis dun mes sen funcionar ou elementos ornamentais descoidados”.
Marea de Vigo solicitou este xoves a través dun escrito información detallada sobre as avarías das infraestruturas vinculadas ao programa Vigo Vertical dende o seu inicio. Nesa solicitude pide se inclúan os contratos de mantemento vinculados a tales infraestruturas, informes sobre as incidencias, os tempos de resposta e os seus custes.