O grupo municipal da Marea de Vigo cualificou este xoves de “improvisación” o proxecto de ampliar o túnel da Porta do Sol ata Pi y Margall ou incluso Torrecedeira, cando as obras para facer peonil esa céntrica zona da cidade xa comezaron. Un proxecto que Abel Caballero xa avanzara o pasado mes de agosto.
“Que se licitase ata Elduayen nun contrato e agora se pretenda redactar un novo proxecto e licitar ata o final do Paseo de Alfonso é cando menos unha evidente improvisación porque tería afección na mobilidade da cidade e sería unha emenda evidente ao proxecto do túnel anteriormente licitado”, explicou Rubén Pérez, voceiro da formación.
Marea de Vigo, que xa puxo obxeccións á licitación do túnel na mesa de contratación, seguirá a demandar a paralización da obra e o traballo en alternativas de consenso que dean prioridade á “mobilidade sostible e o transporte público adaptado á realidade do centro histórico da cidade”.
“Mentres a convocatoria dos fondos DUSI non estea resolta polo órgano que tramita (que non é a UE senón o Ministerio de Facenda), o proxecto pode ser perfectamente repensado”, explica Pérez. Igualmente, sostén que os fondos poden ser adaptados ao novo proxecto.
Para Marea de Vigo, a non execución do túnel e a asignación de recursos dos fondos DUSI para estratexias de mobilidade que eviten o tráfico de vehículos no centro é perfectamente compatible coa solicitude de fondos tramitada xa polo concello para estas e outras operacións. “Evidentemente non están asignados no Parlamento Europeo ao ser a última convocatoria en 2016 e a que previsiblemente a seguinte que se abrirá será a partir de 2020. Hai tempo para repensar alternativas de mobilidade sostible”, destaca o voceiro.
“Non podemos estar situados na cerrazón do Concello a estudar alternativas que non pasen polo tráfico rodado, xa sexa en superficie ou túnel, polo centro histórico”, insiste Pérez. Estas alternativas pasarían pola construción de aparcadoiros disuasorios en varios espazos da cidade, coma nos terreos de ADIF no nó de Issac Peral, nos espazos en desuso na contorna do auditorio Mar de Vigo, desafeccións portuarias ou mesmo solares abandonados existentes. Estes terreos serían adquiridos polo Concello e acondicionados como aparcadoiros disuasorios, coas dotacións viarias necesarias que eviten o acceso do vehículo particular.