O grupo municipal da Marea de Vigo amosouse moi crítico coa decisión do Goberno local de privatizar a xestión dos pavillóns deportivos dependentes do Instituto Municipal dos Deportes, á que se lle deu luz verde definitivo este luns. A formación, pola contra, apostou pola “urxente” creación dunha empresa pública de servizos “aproveitando o contexto lexislativo actual e a chegada de fondos europeos de reactivación económica”. Este impulso vería acompañado, ademais, da suspensión das regras fiscais
Para a Marea de Vigo, a suspensión das regras fiscais “son un avance que xa permite explorar a creación de entes públicos de servizos”, explica Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal. “O pago da débeda ou as limitacións que impoñía a chamada Lei Montoro xa non operan como limitador de creación de empresas públicas, polo que xa non valen os reparos que o Ministerio de Facenda trasladou a moitos concellos que exploraron esta vía nos pasados anos”.
Un dos usos que propón Marea de Vigo exemplifícase co acontecido este luns coa adxudicación a unha empresa privada da apertura e peche dos 15 pavillóns municipais. “A creación dunha empresa pública de servizos permitiría canalizar gran parte das bolsas públicas de emprego que habitualmente se usaban para estes fins sen necesidade de recorrer a privatizacións, que acaban xerando unha degradación evidente do servizo e das condicións laborais do persoal, cuxa actividade laboral é desenvolvida en instalacións públicas”, matiza o voceiro.
Marea de Vigo reitera a necesidade de crear empresas publicas municipais que favorezan a progresiva municipalización da xestión de servizos básicos. “En Vigo non só non se remunicipaliza -apunta Rubén Pérez- senón que se seguen privatizando servizos públicos que van parar ao saco das concesionarias privadas onde o Goberno local non exerce ningún tipo de control, tal e como ademais esixe a lei, e onde se precarizan notablemente as condicións laborais do persoal. Sobran exemplos da mala xestión das concesionarias privadas por parte do Goberno de Abel Caballero: o abandono do persoal dos aparcadoiros da Porta do Sol e Praza de Portugal hai xa seis anos, o duro conflito laboral na XER, o peche do Laboratorio Municipal, a falta de pagos na limpeza, o ‘baile de empresas’ en parques e xardíns ou os centos de incumprimentos en materia laboral que derivaron en mobilizacións en concesionarias como Vitrasa son exemplos da nefasta xestión dos servizos privatizados e concesionados polo Goberno local”.
Sobre os usos dos fondos de Europa, “afortunadamente, o Decreto 36/2020 do 30 de decembro, sobre os Fondos Europeos de Reactivación Económica foi mellorado por Unidas Podemos para que estes permitan a creación de empresas públicas fronte a pretensións autonómicas, como a expresada pola Xunta de Galicia, nas que se pretendía canalizar todo nun consorcio 100% privado, onde a presenza pública sería testimonial”, aclara Rubén Pérez. Para o voceiro de Marea de Vigo, “esta capacidade de facelo a escala estatal ten que ter recorrido tamén nas administracións que máis servizos están a asumir dende o xurdimento da pandemia, que son as administracións locais, fronte a inoperancia e incapacidade de moitas comunidades autónomas”.
Marea de Vigo lembra que os fondos REACT-EU permiten, ademais de financiar fundamentalmente operacións no ámbito da educación, sanidade e servizos sociais para orientalos estratexicamente a un futuro de sustentabilidade, ampliar os empregos para comunidades autónomas e concellos, de modo que estas administracións poden ampliar o catálogo de usos para outros ámbitos de actuación que se consideren relevantes para a reactivación económica, así como para artellar medidas económicas en actuacións que presten servizos básicos á cidadanía.