O grupo municipal da Marea de Vigo cuestionou este luns o convenio promovido entre o Concello e o Bispado, mediante o cal as arcas municipais costearán a reforma do patrimonio que a Igrexa Católica posúe na cidade, por tratarse de “investimentos discutibles en canto a súa consideración coma prioridade”.
O voceiro da formación, Rubén Pérez, sostén que as propostas que se están poñendo enriba da mesa, como a instalación dun Sagrado Corazón na ermida da Guía ou a reparación do paso da Procesión do Cristo, “non teñen nada que ver coas prioridades que debe ter unha administración pública con respecto ao patrimonio eclesiástico”.
Dito convenio, que garante o investimento de máis de 300.000 euros para a reparación e rehabilitación de diversos espazos, “non ten que ver coa defensa patrimonial que ten que facer unha administración pública laica”, apunta Pérez. “Os recursos públicos que saen dunha administración deben ser para edificios que están en situacións que requiran da urxencia de rehabilitación, como pode ser en risco de derrubamento”, engade o voceiro.
Alén disto, Marea de Vigo engade que en rehabilitacións como a das escaleiras da igrexa de Freixeiro “tampouco se entende o motivo de non erradicar a inscrición de Primo de Rivera do lugar, propoñendo simplemente a reparación das escaleiras de acceso”. “Dende logo non pode ser que cuestións que teñen máis que ver co credo e co sentimento relixioso particular conten con recursos públicos do Concello”, prosegue o voceiro.
O que se traslada á vista destas actuacións, segundo a Marea de Vigo, “só é unha política oportunista e populista de Abel Caballero que nada ten que ver coas necesidades de patrimonio senón coa necesidade de atraer un voto que tradicionalmente sempre foi conservador”, conclúe o voceiro do grupo municipal.