O grupo municipal da Marea de Vigo solicitou este martes ao alcalde, Abel Caballero, que proceda a apertura das piscinas de Samil este verán. «Deixe de lado a súa interesada e persistente pugna coa Xunta e que tome as medidas de seguridade que sexan necesarias para garantir a apertura do espazo», afirmou Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.
«O preocupante disto é que o Concello de Vigo é sabedor da existencia dun contrato de mantemento e xestión destas piscinas», apunta o voceiro. Trátase, segundo indica, dun servizo que antigamente estaba adscrito a parques e xardíns e na actualidade atópase adscrito ao contrato de mantemento de parques infantís e áreas biosaudables. «Ata 12 persoas entre socorristas e encargados da limpieza e mantemento das piscinas que se suman a ese contrato para traballar nas piscinas durante a época estival, polo que están deixando a esas persoas, vinculadas con ese contrato, nun ‘limbo laboral’ e sen ter a certeza de cal vai ser o seu futuro», sinala Rubén Pérez.
«O que debe facer o Concello de Vigo é cuantificar os custos dun sistema de control de aforos e se quere, buscar que ese custo sexa subvencionable pola Xunta a través dun convenio», apunta o concelleiro vigués. En todo caso, para Marea de Vigo, o que non debe facer é suspender o servizo, xa que máis aló do que lle supón ás persoas usuarias, isto prexudica gravemente aos traballadores que están adscritos a ese contrato.
Marea de Vigo denuncia que «o silencio sexa a norma do Goberno de Abel Caballero á hora de dar resposta á representación sindical das e dos traballadores, tal e como tamén ten acontecido neste caso, cando dita representación se ten dirixido ao Concello para coñecer a situación na que quedaría o persoal de piscinas e non obtiveron resposta algunha».
Marea de Vigo pedirá que se leven a cabo controis de aforos mentres a situación sanitaria así o requira. «O Concello ten que facer valer dunha vez os dereitos dos traballadores desta concesionaria así coma o dereito da veciñanza a disfrutar dunha infraestrutura coas medidas de seguridade e sanidade que sexan precisas, con independencia do seu custo, tal e como debe ser neste momento no que hai que priorizar recursos para cuestións coma o control de aforos antes que outros gastos cando menos discutibles nunha situación de pandemia», conclúe o voceiro municipal.