Marea de Vigo solicitou este venres publicamente que a biblioteca de Afundación no barrio do Calvario, pechada dende a alerta da Covid, convértase nunha instalación municipal. «Non volveu a abrir as súas portas, sendo eliminada ademais da listaxe de centros educativos e bibliotecas da entidade na nosa cidade, tal e como se pode ver na súa páxina web», apunta Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.
«Esta realidade –explica a concelleira -, é un resultado da bancarización e da privatización das caixas de aforro galegas, que foi un dos maiores golpes económicos ao noso país nos últimos anos, chegando ata hoxe os efectos desa nefasta privatización». Engade Oriana Méndez que «hai uns meses atopábamonos co cobro de comisións abusivas a clientes, e agora, por exemplo, vémolo cando se clausura unha biblioteca de barrio sen compromiso nin explicación algunha ás persoas usuarias» engade a concelleira.
Dende a Marea de Vigo propoñen que o Concello de Vigo negocie con Abanca a cesión deste espazo, xa habilitado, e estableza nel unha biblioteca pública municipal. «Isto ademais deberia servir como un aviso máis para que o Concello de Vigo, dunha vez por todas, estude as necesidades dos barrios e cree unha rede municipal de bibliotecas públicas que estea á altura da maior cidade de Galicia, que é Vigo» conclúe.