O grupo municipal da Marea de Vigo esixiu este luns que o Concello penalice economicamente ás concesionarias municipais que apliquen ERTEs malia ser indemnizadas pola administración local tras cesar ou reducir a súa actividade. A formación ve “mala fe” nesta práctica e alerta da posible ilegalidade nas accións levadas a cabo polas empresas, entre as que cita a Clece, SGI, Vitrasa e Dornier.
Estas firmas, cobrando igualmente das arcas municipais, enviaron ao seu persoal a ERTEs, facendo que o Servicio de Emprego Público Estatal asumira custes salariais “de xeito innecesario e ocasionando os prexuízos derivados tanto ao persoal coma as administracións”.
“Non pode permitirse que empresas que teñen garantido o pago do servizo por parte do Concello realicen ERTEs. É claramente un abuso empresarial intolerable nesta situación de emerxencia”, sostén o voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez.
O grupo municipal xa advertira de xeito reiterativo no pleno do pasado mércores que moitas empresas concesionarias con suspensión da súa actividade por mor da crise do Covid-19, e polo tanto suxeitas a indemnización por parte do Concello para o pago de nóminas e mesmo alugueres ou seguros están a presentar expediente de regulación de emprego de xeito “inxustificado”.
Por iso, Pérez cre que o Concello “debe actuar ante a Consellería de Traballo para que non se autorice ningún ERTE nestes servizos cando a viabilidade económica estea asegurada cos pagos do propio Concello”.
Para Marea de Vigo, tal e como se interpreta claramente polo Ministerio de Traballo, o único suposto no que cabería a interposición dun ERTE en servizos municipais sería cando este veña pactado cos sindicatos e supoña unha garantía de dereitos para os traballadores e traballadoras, caso que non se da nos anteriormente descritos.