«Cando se da un proceso como o que estamos a ver, a resposta das administracións públicas non pode limitarse a unha pelexa entre administracións. Non existen políticas de vivenda desde a institución municipal para axudar as persoas que están en risco de exclusión social. O Concello non leva a cabo ningunha política neste eido coa escusa de ser competencia autonómica e a Xunta carga contra o concello dun xeito ruín acusándoo de non querer entrar no famoso rexistro de vivendas baleiras cando gran parte do problema existe a causa das políticas de austericidio contra a sociedade do propio Partido Popular», afirma Marga López Barreiro, concelleira de Marea de Vigo.
A formación política considera que, á marxe das competencias autonómicas, o Concello si que pode ofrecer saídas ás persoas que, como vén de denunciar a Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) de Vigo, Tui e Baixo Miño, corren un grave risco de desprotección.
“No caso de Vigo resulta especialmente grave cando o máximo responsable, o alcalde, sae constantemente nos medios de comunicación afirmando que en Vigo non hai desafiuzamentos, e que incluso o seu despacho é unha oficina antidesafiuzamentos, cando, día tras día, movementos sociais como a PAH, non cesan de denunciar estes casos”, apunta López Barreiro.