O grupo municipal da Marea de Vigo reclama a posta en marcha dunha oficina, dependente do Concello, que poida resolver as dúbidas e informar ás familias sobre vivenda e alugueiro, á vista das novidades publicadas este martes polo Goberno español. A formación considera que o feito de que o acordo do Consello de Ministros limite nun 2% a subida dos alugueiros “é un factor positivo” pero o certo e que se inclúe a posibilidade de que esa suba sexa maior se a persoa arrendadora e arrendada así o acordan, “sendo múltiples as presións que os donos das vivendas fan aos arrendadores baixo a ameaza de non renovar contratos”.
Segundo a Marea de Vigo, “a oficina ten que ser unha garantía de que non se produzan abusos na nosa cidade e as persoas teñan asesoramento directo dunha administración que, se ben non obstenta as competencias en materia de vivenda de xeito directo, si as ten para a xestión dos servizos sociais e a orientación dos veciños e veciñas para obter unha vivenda digna, asequible e con prezos estables”, indica Rubén Pérez, voceiro de Marea de Vigo.
Ante a volta dos desafiuzamentos e lanzamentos tras meses de parálise xudicial pola Covid-19, “a día de hoxe saber que axudas pode ter unha familia nesta situación ou mesmo atopar unha vivenda asequible é un escenario absolutamente dificultoso -afirma Pérez-, polo que o asesoramento dende os servizos sociais do Concello é absolutamente central”.
Do mesmo xeito, Marea de Vigo afirma que os aspectos da futura Lei de Vivenda “serán un reto pero tamén unha oportunidade para a cidade, se finalmente o Partido Popular non boicotea a súa implementación, xa que se introduce a oportunidade de establecer prezos máximos en alugueiros pero tamén habilita que a metade do 30% da vivenda con algún tipo de protección oficial que marca o novo PXOM teña necesariamente que ser propiedade do Concello -apunta o voceiro-. Esta oficina tamén xestionaría o importante parque público municipal de vivenda que pode ser artellado ante a tamén evidente saturación da Xerencia de Urbanismo”.
A situación do acceso á vivenda na nosa cidade “é xa un dos problemas que máis preocupa á cidadanía que sistematicamente acude á administración máis accesible e próxima que son sempre os concellos, para resolver dúbidas e consultar recursos existentes para compensar o excesivo custe dos alugueiros nun contexto marcado por un forte incremento de prezos” sinala o voceiro.
Marea de Vigo afirma que a cidade, coa nova lei de vivenda, tería que ser considerada de xeito inmediato ‘zona tensionada’ pola evidencia de que a renta do alugueiro “supera con creces o 30% dos ingresos medios dos fogares vigueses” e, segundo Rubén Pérez, “nos últimos cinco anos ten subido o prezo dos mesmos cinco puntos por enriba do IPC”.
De substanciarse a Lei de Vivenda que obriga a que a metade do 30% de vivendas con algún tipo de protección sexa destinado a un parque público de alugueiro social, de cumprirse o expresado polo Goberno local de promocionar case 4.000 vivendas en réxime de VPO que o Concello proxecta en ámbitos coma o do Ofimático ou Santa Cristina, “Vigo ten que dotarse dun instrumento, que perfectamente podería ser esta oficina, para a xestión de esa parte de vivenda que por lei non sairía ao mercado de venta e sería titularizada polo Concello para configurar un parque público de vivenda en alugueiro” conclúe o voceiro.