A formación lamenta que desaparezan dúas partidas presentadas como investimentos importantes en 2019: a fase de Navia, argumentando que non se desbloquea a súa execución por culpa do Concello de Vigo, e a residencia pública proxectada na ETEA, que se entende anulada polo anuncio da que vai construír Amancio Ortega no mesmo emprazamento.
Así, elaborou unha batería de peticións para que o Goberno galego modifique as súas liñas de actuacións, que argumenta do seguinte xeito:
- RECUPERAR A RESIDENCIA TERCEIRA IDADE PÚBLICA PARA OUTRO BARRIO DE VIGO: +950.000 euros.
Non anular o proxecto público de 2019 pola aparición da financiación privada do dono de Inditex, xa que é necesaria unha nova residencia pública alén da ETEA e que conxugue residencia e centro de día para dar servizo á cidade de Vigo.
- REDACCIÓN PROXECTO DO NOVO IES DE NAVIA: +100.000
Séguese a informar á veciñanza que Navia terá novo instituto e que non será de referencia o existente en Valadares pero nin se aclara situación nin proxecto construtivo. Nesta emenda queremos compromiso de ubicación e proxecto concreto nos terreos do PAU de Navia, titularidade da Xunta. Pediremos xa o proxecto e a dotación orzamentaria suficiente (estamos no barrio con maior número de menores de 16 anos do estado, hai centos de solicitudes para a escola infantil que quedaron sen praza e hai un grave problema de zonificación escolar).
- GARANTIZAR OS SERVIZOS DE PEDIATRÍA EN CORUXO, NAVIA, ETC…
Mellora da situación da pediatría en Vigo a incorporar na partida xeneral de persoal do Sergas
- PLAN DE APOIO AO SECTOR NAVAL: +3.500.000
No ano 2018 e 2019 pedimos 3,5 millóns a un plan que agora deberíamos enfocalo á formación do persoal das auxiliares afectadas polo parón de Vulcano e Barreras. Plan semellante ao que se fixo no parón da PSA hai uns anos.
- APERTURA COMEDORES DE VERÁN: +300.000
Pedimos en 2018 un montante de 2.5 millóns de euros para toda Galicia. Consideramos suficiente esta contía de 300.000 euros para Vigo toda vez que o Concello aporta tamén unha parte substancial.
- REVERSIÓN PÚBLICA DO HAC
Unha das propostas que partía do estudo que presentamos en Vigo e que sería ir liquidando o rescate da parte privada do Hospital Álvaro Cunqueiro. Axeitamos 25 millóns de euros para isto.
- AUMENTO DOTACIÓN MARCO: +400.000
Cando menos manter a cantidade que propuñamos dende o 2018 (400.000) pero hai que ir traballando un aumento considerable para garantir a misión museística do MARCO intacta toda vez que pedimos o mesmo no Concello de Vigo.
- PLAN INVESTIMENTOS CONSORCIO DO CASCO VELLO: +3.000.000
Dende hai anos o CCV finánciase exclusivamente coa xestión dos activos inmobiliarios. A idea é obrigar á Xunta a un plan de investimentos (aproximadamente 3 millóns de euros) para ampliar a actividade rehabilitadora profundamente e non depender da venda ou alugueiro de inmobles xa existentes en propiedade do consorcio.
- FONDO COMPENSACIÓN FAMILIAS FIN PLAN VIVENDA: +2.000.000
No ano 2018 e 2019 pedimos 2 millóns de euros para aquelas familias de Navia que tiñan axudas ás hipotecas garantidas polo plan de vivenda do Goberno Zapatero e anuladas nos seguintes. Segue a ser unha demanda a pedir xa que o plan estatal de vivenda transponse ás comunidades autónomas en canto a definición e partida orzamentaria
- REMATE DE PROTECCIÓN NA EDAR DO LAGARES +500.000
A consellería de medio ambiente debe asumir a construción dunha pantalla vexetal e protección de olores e gases para as vivendas colindantes toda vez que o traspaso da infraestrutura a augas de Galicia está completada. O proxecto debería servir para evitar a situación actual de proximidade da infraestrutura ás zonas habitadas (cheiros, gases, impacto visual).
- ESTUDO SOBRE O IMPACTO DAS GRANDES SUPERFICIES E COMERCIO DE PROXIMIDADE EN VIGO: +150.000
Estamos a traballar coas asociacións maioritarias do comercio en obrigar á Xunta a realizar o estudo e posteriormente decretar a moratoria de grandes superficies comerciais na cidade.
- COFINANCIACIÓN DO PROGRAMA DE AULAS INTERNACIONAIS DO CONCELLO DE VIGO: +1.023.000
Consecuentemente co expresado na emenda aos orzamentos do Concello de Vigo para 2020, ao tratarse as bolsas educativas dunha competencia tamén autonómica queremos que a Xunta cofinancie o 50% do importe do programa de aulas internacionais que desenvolve o Concello de Vigo mediante a sinatura dun convenio.
- OBRAS DE MANTEMENTO E REPARACIÓN NO CONSERVATORIO SUPERIOR DE MÚSICA DE VIGO: +500.000
O estado do edificio é desastroso, con filtracións, inundacións e estruturas gravemente afectadas polo paso dos anos e o uso polo que reclamamos un plan de reparacións neste orzamento 2020 a executar con urxencia.
- PARQUE DE VIVENDAS DO IGVS PARA PERSOAS SEN FOGAR «HOUSING FIRST»: +500.000 €
A Xunta debe completar as 35 prazas que xa oferta o albergue municipal de Vigo polo que propoñemos a financiación dun programa diferenciado do do centro de inserción social de Vigo co sistema «Housing First» e que serviría para avances importantes na solución da situación de emerxencia social das persoas en situación de rúa en Vigo.