Marea de Vigo lembra nun comunicado emitido este mércores que o proxecto orixinal do programa Vigo Vertical incluía a tala de 128 árbores (45 camelios, 29 laranxos no boulevar e 13 tilos e 41 castaños de indias que están plantados nas aceiras da rúa) co argumento de estar enfermos ou con risco de desprendemento e que solo se recomendaba o transplante de camelios e laranxos.
«Polo tanto, vistas as declaracións do alcalde, debería aclarar se as árbores que se transplanten a Castrelos incluirán os tilos e os castaños das beirarúas, onde verdadeiramente radica a riqueza ambiental e de patrimonio natural da Gran Vía», sinala a Marea.
Segundo o grupo municipal, o informe mesmo falaba dunha afección nos camelios como é a do fungo ciborinia cameliae, que evita a floración e que se asociaba no informe ao efecto da contaminación xerada polo tráfico. «De ser así tería que aclararse o seu traslado», apunta.
Marea de Vigo segue a cuestionar a substitución da masa arbolada actual nas beirarúas, con máis de 50 anos de existencia por novas especies que tardarán anos en medrar como o ginkgo biloba e que non ofrecen a masa arborada compacta como a actual.
Do mesmo xeito, asegura que trasladará ao Parlamento Europeo, a través da Comisión de Peticións cando esté constituida e en funcionamento despois das recentes Eleccións Europeas, unha consulta para que a UE aclare «se unhas escaleiras mecánicas cun custe enerxético e polo tanto cunha pegada de carbono moi elevada e a tala de masa arborada existente entra dentro dos criterios obxectivos que marca o uso dos fondos EDUSI e a estratexia ambiental e de sostenibilidade que persigue o uso deste fondos comunitarios».