O grupo municipal da Marea de Vigo vén de demandar ao Goberno local que recolla as demandas da comunidade educativa viguesa e reclame á Consellería de Educación un curso escolar seguro. A concelleira Oriana Méndez solicitou un “compromiso explícito” por parte do Concello de Vigo, que conta cun alto índice de poboación en idade escolar, para que esixa á Xunta un “diálogo activo” co profesorado e as familias.
Méndez reclamou igualmente o “apoio” do Concello de Vigo aos actos reivindicativos que sexan promovidos e convocados pola comunidade educativa, poñendo incluso á súa disposición “os recursos técnicos e de seguridade necesarios para a celebración” de ditos actos.
Por todo isto, a formación rexistrou unha moción na que se ven reflectidas as demandas da comunidade educativa. “Dende o mes de marzo a conselleira de Educación négase a atender as necesidades que están a poñer enriba da mesa tanto sindicatos como asociacións de nais e pais do alumnado para o inicio e desenvolvemento do curso escolar de modo seguro. O único que ofreceu a Conselleira é un protocolo, elaborado de xeito unilateral, baleiro de medidas que garantan tanto a seguridade como o dereito a unha educación de calidade para todo o alumnado”.
O protocolo non contempla a contratación de novo profesorado que garanta a necesaria baixada da ratio nas aulas nin a distancia interpersoal. “A seguridade non está garantida se seguimos mantendo 25 ou 30 alumnas e alumnos por aula”, engade a concelleira.
Tamén están no aire servizos como o de comedor, que afecta en Vigo a máis de 2.000 estudantes, o de madrugadores ou mesmo as actividades extraescolares, todos eles xestionados dende hai máis de 20 anos polas asociacións de nais e pais.
Isto acontece, segundo Oriana Méndez, “tanto pola imposibilidade do diálogo coa conselleira Carmen Pomar como pola ausencia dunha verdadeira aposta por unha educación universal, pública e de calidade”.
Ademais, a Marea de Vigo pediu “reactivar” o Consello Municipal Escolar como órgano de encontro dos axentes da comunidade educativa da cidade.