O grupo municipal da Marea de Vigo instou ao Goberno local a “dar continuidade” ás peonalizacións e á reformulación das políticas de obra pública cara a unha orientación máis sostible. A formación valora positivamente o peche ao tráfico para que a cidadanía gañe espazo social e pide que esta medida vaia máis alá.
“Esta crise puxo algunhas cuestións en evidencia, como a necesidade de repensar o espazo público. Vimos que era posible o que antes se negaba: unha distribución máis racional e ecolóxica dese espazo”, sinala a concelleira Oriana Méndez, quen matiza que “polo feito de estar peonalizados eses espazos non deben converterse en lugares de aglomeración”.
“De cara ao futuro, probablemente, non poida nin teña por que manterse exactamente igual aquilo que foi deseñado para superar unha crise sanitaria, mais si se podería deseñar unha nova normalidade que dea prioridade á mobilidade sostible, comezando polas peonalizacións”, engade.
Igualmente, Marea de Vigo tamén incide no feito de que “unha mobilidade sostible e ecolóxica sería un proxecto eivado se non se acompaña da protección adecuada e do fomento da masa arbórea na cidade” na liña do denunciado nos pasados días ante a tala masiva no Castro.
Para a Marea de Vigo, “este é o momento de repensar tanto o proxecto de Porta do Sol como o destino final dos 15 millóns de euros dos fondos DUSI aínda non resoltos por parte do Ministerio de Facenda, planificando deste xeito unha mobilidade sostible, máis aló da eventualidade das peonalizacións recentemente executadas”.
A formación, que xa puxo obxeccións á licitación do túnel na mesa de contratación, seguirá a demandar a paralización da obra e o traballo en alternativas de consenso que dean prioridade á mobilidade sostible e ao transporte público adaptado á realidade do centro histórico da cidade, concordando deste xeito co xa expresado en reiteradas ocasións pola Asociación Vigo Histórico.