O grupo municipal da Marea de Vigo vén de mostrar a súa discrepancia coa intención do Concello de que os prazos de aprobación do novo PXOM transcorran durante o confinamento. Para evitalo, a formación rexistrará está semana unha moción instando a que se equipare ese período administrativo á realidade da situación actual.
O seu voceiro, Rubén Pérez trasladou este martes na Xerencia de Urbanismo a súa «profunda inquedanza» ao escoitar que se pretende que, toda vez que foi remitido o borrador do PXOM e o documento inicial estratéxico á Xunta, se continúe co proceso administrativo con normalidade.
Marea de Vigo lembra que de ser así, en tan só un mes a Xunta de Galicia resolverá o alcance do documento de Avaliación Ambiental Estratéxica (que nesta ocasión ten que ser ordinaria ao ter sido o motivo de anulación do PXOM de 2008 tentar meter ‘a calzador’ a avaliación ambiental simplificada) e as administracións ou persoas interesadas terán soamente dous meses para presentar suxestións, «que, curiosamente, de seguir co procedemento normal obviando o confinamento, coincidirá cos meses de verán», matiza o voceiro municipal.
Marea de Vigo considera que a documentación enviada á Xunta é esencialmente o «espírito do PXOM» e que «aínda que poidan darse cambios durante os procesos de tramitación o que emana estes documentos iniciais é demasiado determinante como para pretender aprobalo coa poboación confinada e coas administracións baixo mínimos».
O propio documento recoñece que «a Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE) é un instrumento de prevención para integrar os aspectos ambientais na toma de decisións de plans e programas públicos que poidan ter efectos significativos sobre o medio ambiente, ben directamente a través das súas propias determinacións, ben porque establezan o marco para a futura autorización de proxectos legalmente sometidos a avaliación de impacto ambiental».
Igualmente, di que «sendo así que a revisión do Plan Xeral de Ordenación Urbanística de Vigo de 1993 someterase ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria co fin de facilitar a incorporación dos criterios de sostibilidade na toma das decisións estratéxicas, garantíndose unha adecuada prevención dos impactos ambientais que se podan xerar, ao tempo que se establezan mecanismos eficaces para a súa corrección ou compensación».
Marea de Vigo tamén quere incidir en que «un dos actores máis importantes na aprobación do planeamento como é o movemento veciñal atópase tamén confinado, polo que o seu funcionamento e debate colectivo do que sempre fixo gala nesta cidade para abordar alegacións e suxestións atópase tamén confinado e sen poder facer asembleas abertas veciñais para decidilo».