Marea de Vigo afirma que “xa é un feito constatado” que co cambio climático e a suba de temperaturas nos meses de verán, “a masa arbórea das cidades cumpre unha función esencial atenuando os picos de calor que se viven nas zonas urbanas, sobre todo onde hai gran presenza de asfalto” sinala Rubén Pérez. París, Londres e moitas grandes capitais europeas están desenvolvendo grandes bosques urbanos precisamente para poder paliar os efectos do cambio climático. “Os estudos levados a cabo din que ter árbores de gran porte e masa arborada nas cidades pode baixar ata doce grados centígrados a temperatura, algo moi relevante nos momentos especialmente cálidos, semellantes aos vividos a semana pasada na nosa cidade” engade o voceiro.
Marea de Vigo incide en que “non se poden substituír as grandes árbores por xardineiras ou pequenas sebes soamente por abaratar os custos de poda” incide Pérez, poñendo o foco nas tallas que se están facendo “de maneira masiva” nesta cidade, como acaba de acontecer na rúa Martínez Garrido, onde veñen de cortarse os plataneiros que levaban moitos anos nese lugar. “Esas tallas o que fan é permitir os picos de calor que podemos chegar a vivir nas nosas rúas”, indica. “A actitude arboricida do Goberno de Abel Caballero é un auténtico delirio que forma parte desa teima de reordenar a cidade para que esta sexa un escaparate”, asegura Pérez.
Para o grupo municipal da Marea é preciso poñer en marcha de xeito inmediato un plan para a conservación da masa arborada. “Isto significa conservar e coidar en condicións o arborado actual, e isto tamén significa que as podas teñen que facerse de xeito ordenado e no mes que toca e que as tallas que se fagan unicamente estean circunscritas ás árbores que estean enfermas, e non como se estivo facendo ata agora”, subliña o voceiro.
Para a Marea de Vigo trátase dun asunto fundamental xa que atinxe á saúde da veciñanza, “que require tamén dunha política medioambiental e de coidado das árbores, algo que leva tempo sen acontecer ante as reiteradas tallas na cidade froito de políticas que consideran as árbores unha mera cuestión estética e ornamental”.