O grupo municipal da Marea de Vigo valorou este xoves o maior investimento en materia de dependencia que vai ser trasladado ás CCAA, así como os programas en materia de emprego xuvenil e de cobertura social presentes neste proxecto orzamentario. «Seis de cada dez euros van destinados a política social», afirma Rubén Pérez, voceiro da Marea.
«Duplicar a partida para dependencia para Galicia ou o aumento de máis do 80% nas partidas para o emprego xuvenil son boas novas que consideramos ademais necesarias na conxuntura actual e que van afectar directamente na veciñanza viguesa», engade.
Pérez apunta tamén que «seguimos atopando os erros recurrentes no tocante aos investimentos para a nosa cidade, como é o caso da variante de Cerdedo, sobre a que seguimos pensando que é unha equivocación volver a tela en conta». Marea de Vigo demanda máis investimento para a saída sur, xa que «é o segundo ano no que deberíamos ter consignado nos orzamentos políticas importantes en materia ferroviaria priorizando a saída sur e incluso propoñendo estudos para a reutilización e mellora da liña do Miño como alternativa á variante de Cerdedo».
Biblioteca do Estado
Marea de Vigo insiste na aposta pola Biblioteca Pública do Estado e lamenta que «outro ano máis se consignen outros 50.000 euros para formular un estudo, cando debería estar xa enriba da mesa o proxecto construtivo e o deseño desta infraestrutura na cidade». Outro «gran ausente» para a Marea de Vigo é o soterramento da VG20, así como a construción de pantallas «para paliar o ruído que leva anos denunciando a veciñanza do barrio de Navia» engade Rubén Pérez.
Do mesmo xeito, desde o grupo cualifican os investimentos consignados á Zona Franca coma un «bluff», xa que, «estes investimentos quedarán sen executar, tal e como quedaron no presente ano, ao tratarse, a priori, de proxectos de complicada execución».
«Imos trasladar unha serie de emendas nesta liña que cremos poderían mellorar o proxecto orzamentario para Vigo, ao igual que fixemos nos pasados anos, e de xeito acorde con moitas das demandas da cidadanía viguesa», conclúe o voceiro municipal.