Marea de Vigo fixo este mércores unha valoración dos resultados das eleccións do pasado 20 de decembro e apun tou directamente ás próximas Autonómicas. «Os galegos situaron como segunda forza do país a unha candidatura que se presentaba disposta a “mudalo todo para que nada siga igual” e que brandía a cooperación entre a esquerda social e a esquerda política coma un valor irrenunciable», sinalan.
«As xentes que conformamos a Marea de Vigo, así coma os nosos cargos institucionais, volcámonos coa candidatura de En Marea; por iso celebramos que a cidadanía de Vigo apoiase a coalición de xeito masivo», explican dende o partido.
En Marea foi a forza máis votada en Vigo, con máis de 56.000 votos, 10.000 por riba do Partido Popular e 20.000 por riba do PSOE, conseguindo o 33,8 % do sufraxios.
«Vigo é, con gran diferenza, a cidade que obtivo os mellores resultados de toda Galicia, pero En Marea é tamén a forza máis votada en varias vilas da ría de Vigo como, por exemplo, en Cangas do Morrazo, Moaña ou Redondela; vilas que, xuntas, achegaron uns 20.000 votos para a candidatura de En Marea», enganden.
«Dende a Marea de Vigo asumimos o reto inmenso que transladan os resultados do pasado 20 de decembro. En Marea marca o camiño a seguir para os próximos comicios e a Marea de Vigo traballará, desde xa, e coma un axente máis, para agrandar a confluencia de cara ás eleccións galegas», apuntan.
A Marea de Vigo convocará, en vindeiros días, unha asamblea co fin de «deseñar as liñas de acción que levaremos a cabo para que as xentes da nosa cidade participen na conformación, aberta e democrática, dunha gran candidatura de confluencia para as eleccións galegas».