O grupo municipal da Marea de Vigo urxiu este xoves ao Concello a que implante melloras no barrio de Freixeiro pola degradación que sofren as beirarrúas e os pavimentos.
O seu voceiro, Rubén Pérez, lembrou que a zona “ten aínda unha rúa pechada dende hai máis de tres anos”, o Camiño Freixeiro, polo desprendemento dun muro “sen que o Concello aclararase cando e quen ten que reparalo”. Isto supón “un agravio comparativo evidente cos veciños e veciñas de Freixeiro”, algo que é “impensable”, segundo Pérez, que aconteza nun vial do centro ou de outros barrios da cidade.
Marea de Vigo denuncia que hai décadas que non se actúa en moitas beirarrúas do barrio co argumento de que todo o ámbito está afectado por un PERI e que a urbanización correspondería facela a quen o desenvolvese. “O certo é que non se desenvolveu o PERI e o Concello non foi quen de asumir o erro de pretender que os viais públicos sexan acondicionados por actuacións privadas e de realizar un acondicionamento con recursos públicos”, sentenza o voceiro.
No novo PXOM moitos deses PERI desaparecen e “xa debería ser o Concello o que actuara de xeito inmediato ante as recorrentes denuncias de veciños e veciñas así como da propia asociación veciñal”, engade Rubén Pérez.
Marea de Vigo lembra que eventos que se realizan no Pavillón Municipal de Travesas, como recentemente o concerto de Bryan Adams ou competicións deportivas, desprazaron polo barrio camións de gran tonelaxe “que afectaron ao mobiliario urbano, a exemplares de árbores e mesmo ao pavimento de rúas e beirrúas”, enfatiza Pérez.
“Freixeiro é o exemplo claro do esquecemento permanente de barrios e parroquias fronte ao investimento desaforado no centro urbano, onde se concentra a maior parte das actuacións de rehabilitación urbana. Este feito, para a formación, implica “establecer de xeito inmoral unha dobre categoría de cidadanía que Marea de Vigo considera inxusta”, conclúe o voceiro municipal.